DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na última xuntanza do presente ano académico, celebrada de xeito virtual

O Consello de Campus aborda os preparativos dun novo curso marcado pola “aposta pola presencialidade”

O reitor afondou nos traballos para a posta en marcha do Campus Integra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Reitor
  • Saúde
  • TIC
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/07/2020

As medidas que foi preciso acometer para completar un curso marcado pola crise da covid-19 e os diferentes escenarios aos que a Universidade pode ter que facer fronte no ano académico 2020-2021 centraron en boa medida este martes a última reunión do Consello de Campus de Pontevedra do presente curso. Nesta xuntanza, que se desenvolveu de xeito virtual a través do Campus Remoto, o reitor, Manuel Reigosa, puxo de relevo a “aposta pola presencialidade” da institución académica de cara ao vindeiro curso, unha aposta que, lembrou, "non é do equipo de goberno, senón de toda a Universidade”.

Nunha sesión que se completou cos informes dos vicerreitores de Economía, José María Martín; Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e do campus de Pontevedra, Jorge Soto, Reigosa puxo de relevo a implicación das diferentes facultades e escolas con esa aposta pola presencialidade. O reitor lembrou nese senso que o Consello de Goberno aprobou a pasada semana que 10 graos e 24 mestrados arrincarán o vindeiro curso dun xeito “totalmente presencial”, entre eles, os graos en Enxeñaría Forestal, Dirección e Xestión Pública e Belas Artes do campus pontevedrés. “Creo que isto é un activo da nosa Universidade”, salientou Reigosa, que explicou que, naqueles outros casos nos que “isto non é posible polo número de alumnos e o tamaño das aulas”, optarase por un modelo mixto no que o alumnado poida seguir as clases tanto desde a aula como desde as súas casas. Para iso, explicou, trabállase na posta en marcha do Campus Integra, que permitirá o desenvolvemento dunha docencia mixta “o máis semellante posible á presencial”, de tal xeito que aqueles que teñan que seguir desde as súas casas “aulas teóricas e mesmo algúns seminarios”, poidan tamén interactuar co profesorado e os seus compañeiros e compañeiras.

Esta preparación da docencia mixta, sinalou o reitor, implica uns “gastos moi importantes que non se poden asumir con cargo aos orzamentos” da institución académica, motivo polo que afondou nesta xuntanza nas “negociacións en marcha” tanto coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional como co Ministerio de Universidades, de cara a optar a diferentes liñas de axudas que permitan dotar ás aulas e aos docentes dos equipamentos necesarios, desenvolver un plan formativo do PDI en competencias dixitais ou garantir a eliminación da “fenda dixital” entre o alumnado.

Respostas durante a pandemia

Previamente, Reigosa fixo balance no seu informe das medidas que a crise da covid-19 e a suspensión da actividade docente presencial obrigou a tomar nos últimos meses, como a posta en marcha “nun tempo absolutamente récord”, do Campus Remoto, un “xemelgo virtual” da institución académica que implicou a “clonación” nun espazo virtual de 35 edificios e 1400 aulas. Tratouse, lembrou, dunha “solución de código aberto”, que constituíu unha alternativa, “absolutamente única dentro da universidade española” e que resultou “exitosa desde o punto de vista técnico”. Xunto a esta iniciativa, o reitor valorou tamén a “solución” achegada a máis de 300 alumnos con problemas de conexión a internet, “bastante mellor desde o punto de vista técnico á que seguiron o resto das universidades españolas”, así como a posta en marcha dunha liña de axudas para o estudantado afectado polas consecuencias económicas da crise da covid-19, á que se destinaron 150.000 euros. 

Por outra banda, o reitor aludiu ás negociacións “bastante avanzadas” coa representación do PDI sobre as medidas de conciliación para o curso 2020-2021 e as referidas á “funcionarización” do persoal laboral de administración e servizos. Reigosa referiuse tamén aos traballos que se veñen realizando de cara a aprobación dunha nova Relación de Postos de Traballo e para a elaboración dos orzamentos de 2021, marcados a día de hoxe por “incertezas importantes”, como que aínda non estea definido o novo plan de financiamento do Sistema Universitario Galego.

Novo mobiliario para o campus

O vicerreitor do campus, pola súa banda, fixo balance nesta xuntanza dalgunhas das iniciativas previstas para os próximos meses, como a instalación de novo mobiliario exterior no campus, substituíndo por “bancos e mesas máis acordes co Green Campus”, algúns elementos xa “deteriorados”, así como á colocación dunha marquesiña. Así mesmo, en setembro inauguraranse tanto o pantalán instalado trala Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte como o parque da Escola Infantil do campus, á vez que está prevista a posta en marcha da asociación de consumo responsable do campus e da revista científica do Campus Crea.

No referido ao Campus Crea, Jorge Soto anunciou tamén que a profesora e subdirectora da EE Forestal Ángeles Cancela convértese na nova coordinadora do Doutoramento en Innovación Social e Sustentable, tras agradecer o labor realizado pola profesora Ana Belén Fernández Souto durante os catro primeiros anos de vida deste programa. O vicerreitor sinalou así mesmo á incorporación dun novo xestor de investigación no campus e trasladou as felicitacións recibidas desde a asociación ADEAC, responsable en xestionar en España o programa Green Campus, polo traballo realizado desde a Vicerreitoría “en favor da educación ambiental”, aínda que esta asociación tamén, recoñeceu, “botou de menos unha implicación máis profunda por parte das facultades”. 

Economía e comunicación 

A xuntanza contou tamén coas intervencións dos vicerreitores de Economía e de Comunicación e Relacións Institucionais, permitindo deste xeito que todos os integrantes do equipo de goberno desen conta no Consello de Goberno do labor desenvolvido. No seu informe, Martín Moreno presentou un “balance orzamentario” dos dous anos á fronte desta área, incidindo nas diferentes “restruturacións orzamentarias” que foi preciso acometer para levar a cabo as políticas de persoal previstas, “sempre co obxectivo de manter saneadas as contas da Universidade”. Máis en concreto, o vicerreitor fixo balance das novas prazas de persoal creadas, na transformación das xa existentes, do “baleirado das bolsas de acreditados” entre o profesorado, do paso a un máximo de 280 horas de docencia anual e ao cobro íntegro das pagas extras por parte do PDI, do plus de responsabilidade do PAS e ao pagamento integro das baixas ao persoal. 

Mónica Valderrama, pola súa banda, fixo balance das diferentes accións acometidas en materia de comunicación, como o aproveitamento das redes sociais e as TIC para conectar co novo estudantado e promocionar as titulacións, o desenvolvemento dun sistema de xestión de crises de reputación nos medios sociais, a implantación de novas formas de fomento da imaxe da UVigo, a habilitación de canles e ferramentas de comunicación “inclusivas e democráticas” ou o propósito de “involucrar a cidadanía a través de actividades de divulgación e difusión”. A vicerreitora referiuse así mesmo ás accións que neste eido obrigou a acometer a crise da covid-19, aos traballos levados a cabo co propósito de “crear unha imaxe de marca recoñecible” da institución a través da súa identidade corporativa, así como a diferentes actividades e iniciativas levadas a cabo nos últimos meses, como o desenvolvemento de actos de graduación virtuais.