DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Consello de Campus Ourense

Consello de Campus Ourense

Consello de Campus Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 03/04/2020

O Consello de Campus de Ourense celebrou este venres unha sesión ordinaria que por primeira vez na súa historia foi de xeito virtual, a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, atendendo ás medidas de loita contra a COVID-19. Na reunión, que estivo presidida por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, o gran protagonista foi a reorganización da docencia durante este período, subliñado o reitor como o paso das clases presenciais ás telemáticas “está sendo un éxito” grazas á implicación dos diferentes colectivos implicados. 

Un cambio “bastante radical” da docencia

“Este Consello de Campus estaba previsto desde hai tempo pero tivémolo que retrasar ata ter as ferramentas para facelo de xeito virtual. Nel os puntos fundamentais que tratamos foron os que teñen que ver con profesorado e a ordenación académica”, explicou o reitor ao remate da reunión. Na sesión, salientou, “houbo moitas intervencións relativas á reorganización da docencia, o paso á docencia non presencial, que eu creo que se está facendo de xeito moi rápido, con moita implicación de todo o profesorado e alumnado”. Segundo o reitor, este proceso “está sendo un éxito que agardamos nos permita, dando un pasiño máis adiante, salvar o curso e facer que remate con certa normalidade, normalidade dentro dun cambio bastante radical: pasar de docencia presencial a non presencial”. Sobre esta reorganización, Manuel Reigosa recoñeceu como “se a min me preguntaran hai uns meses se poderíamos pasar a docencia a non presencial diría que imposible pero co esforzo de todos, tanto dos equipos decanais e directivos, do equipo de goberno, dos servizos informáticos e da UVigo TV creo que temos neste momento as ferramentas para que o profesorado poida facer o traballo a distancia que antes facía nas aulas e que poidamos facer o curso, dentro do que cabe, normal”.

No caso do alumnado, Manuel Reigosa destacou que “está respondendo moi ben” e apuntou como “intentaremos que o mes de abril non teña unha sobrecarga excesiva de traballos e se poidan desenvolver as diferentes materiais do mellor xeito posible”. Respecto a este colectivo, o reitor explicou no Consello de Campus como “xa tomamos as medidas para solucionar o tema da fenda dixital, de que hai alumnado que agora mesmo non ten posibilidades de asistir ás clases virtuais” por non ter datos ou conexión suficiente. Durante a vindeira semana, adiantou o responsable da institución académica, “creo que o poderemos solucionar desde o equipo de goberno, coa axuda dos decanatos e dirección de centros, que nos pasaron a listaxe de alumnos e alumnas afectados”. Por último respecto aos estudantes, o reitor recoñeceu “o seu esforzo para que o curso sexa un éxito” e pediulles “comprensión, dado que a situación é difícil para todos, estamos facendo un cambio en moi corto período de tempo dunha docencia presencial que xa estabamos acostumados a dar a unha docencia totalmente distinta”. 

O reitor tamén informou aos membros do Consello de Campus de Ourense de que o luns día 6 de abril os tres reitores das universidades galegas se reunirán coa conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, para abordar o remate do curso e as condicións de presencialidade ou non presencialidade. “Xa tivemos unha xuntanza hai dez días sobre este mesmo tema pero como a situación vai mudando case que cada día hai que retomalo”, afirmou. 

Investigación, ordenación académica e profesorado

O Consello de Campus de Ourense tamén contou con informes de Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, e María Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, que fixeron balance das súas respectivas áreas de traballo. Na súa intervención, Esther de Blas fixo foi un repaso polas modificación que se fixeron en actividades que pasaron a non presenciais ou quedaron adiadas debido á crise da COVID-19, como cursos, obradoiros ou a gala dos Premios Viaqua-Campus da Auga. Tamén falou da lectura da primeira tese de doutoramento do Campus da Auga, que se fixo de xeito telemático, e dos bos resultados acadados no Obradoiro de Proxectos Conxuntos celebrado xusto antes do inicio da corentena. “Mentres seguimos a traballar na programación das actividades de conmemoración do centenario de Nós para o último trimestre do ano, en colaboración con Concello, Deputación, fundacións e asociacións culturais relacionadas con este tema”, adiantou a vicerreitora. 

Manuel Ramos presentou “un resumo das medidas levadas a cabo pola miña vicerreitoría nestes case dous anos de mandato, tanto no referente a ordenación académica como a profesorado”. No ámbito de titulacións, dixo, “o máis destacado sería o acordo ao que chegamos dentro do Sistema Universitario de Galicia o pasado mes de xullo, que para Ourense supón a consecución do Grao en Relacións Internacionais”. No eido do profesorado subliñou “diferentes medidas no ámbito de dereitos laborais (pago completo de baixas desde o primeiro día, conciliación...), o paso a un máximo de 280 horas de docencia anuais para o profesorado e a recuperación paulatina do esforzo por consolidar e promocionar ao persoal docente e investigador”. Alén de ofrecer este balance, Manuel Ramos salientou como coa súa presenza no Consello de Campus “o que pretendemos foi escoitar os temas que nos quixeron propor desde o campus de Ourense para telos en conta nas nosas actuacións futuras”.

Pola súa banda, María Belén Rubio fixo unha análise do estado dos grupos de investigación no campus de Ourense. “A día de hoxe cinco grupos de investigación de Ourense están considerados como grupos de referencia competitivos e cinco son de potencial de crecemento, o que representa preto dun terceira parte dos grupos do campus de Ourense”, destacou a vicerreitora. Durante a súa intervención, María Belén Rubio tamén quixo subliñar “a oportunidade que representa a creación da nova Oficina de Proxectos Internacionais na universidade, para dar soporte e axuda aos grupos de investigación e poder así incrementar o número de proxectos conseguidos”. Tamén abordou a vicerreitora de Investigación diversos aspectos “da produción científica e o interese que ten a normalización ou estandarización da filiación institucional e do nome nas publicacións, así como os identificadores persoais como Orcid ou Scopus”. 

Por último, María Belén Rubio falou ante o Consello de Campus de Ourense “da estratexia europea de excelencia en recursos humanos, do selo HRS4R que ten a Universidade de Vigo e que é moi importante manter para facer desta universidade unha universidade máis competitiva, máis visible, con máis internacionalización e mellores sistemas de selección, mellor reputación, máis mobilidade e máis proxectos”. Para conseguir isto, adiantou, “temos un plan de 15 accións que abranguen crear unha comisión de ética na Universidade de Vigo, elaborar un manual de benvida para novos investigadores e investigadoras ou visitantes, implementar plans de xestión de datos de investigación ou preparar un manual de boas prácticas para a contratación de investigadores, entre outros aspectos”.