DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu obxectivo é contribuír á integración no mercado laboral deste colectivo

Convócanse tres bolsas de formación práctica para persoas con discapacidade intelectual

O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de outubro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 08/10/2019

A Vicerreitoría do Campus de Ourense convoca un curso e tres bolsas destinadas a persoas con discapacidade intelectual para a formación práctica nas instalacións universitarias no curso 2019/2020. A iniciativa ten como obxectivo contribuír á formación de mozos e mozas con discapacidade intelectual para que “sexan capaces de desenvolverse en diferentes contextos sociais e laborais de cara a lograr a súa progresiva integración no mercado laboral e acadar así graos de autonomía e independencia persoal”.

20 horas semanais

As tres bolsas de formación que se convocan son para as especialidades de auxiliar de biblioteca na Biblioteca Central Rosalía de Castro, auxiliar de actividades deportivas no pavillón universitario e auxiliar de servizos xerais na conserxaría do edificio Xurídico-Empresarial. A duración máxima do período formativo das bolsas será de tres meses iniciándose non antes do 1 de febreiro de 2020 e finalizando o 30 de abril de 2020. O número de horas de colaboración será de 20 horas semanais en horario compatible coa actividade da unidade na que se desenvolve a formación. A dotación económica bruta de cada bolsa será como máximo de 480 euros mensuais e estará suxeita á retención do IRPF e ás obrigas de cotización á Seguridade Social (cota obreira) establecidas na normativa vixente nestas materias. O importe total desta acción ascende a un máximo de 4755,69 euros.

Unha comisión de avaliación seleccionará ás persoas beneficiarias en base a criterios de formación e a unha entrevista persoal. Na formación terase en conta a formación regulada así como o resto da formación que a xuízo da comisión poida achegar elementos que axuden ao desenvolvemento das tarefas nas que se formarán; titulación regulada relacionada co perfil; outra formación relacionada cos servizos de destino e outras actividades de especial relevancia realizadas ao longo da súa traxectoria persoal nas que sexan valores importantes o traballo en equipo, a iniciativa profesional, a inquietude intelectual, a capacidade de empatía e a boa disposición cara a aprendizaxe. A entrevista será presencial, co fin de que a persoa candidata poida poñer de manifesto a súas habilidades sociais e o grao de autonomía persoal, así como o seu interese na formación. A persoa candidata poderá estar acompañada dun profesional da entidade que a respalda.

Poden solicitar as bolas persoas que teñan unha discapacidade intelectual cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%; cunha idade entre 18 e 30 anos e que estean inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e no curso Capacitación laboral no ámbito do emprego con apoio antes citado. Este último curso está convocado na mesma acción destas bolsas pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e permitirá ás tres persoas seleccionadas recibir unha formación teórica sobre prevención de riscos e seguridade laboral e técnicas de apoio na contorna sociolaboral específica, ademais de realizar as 200 horas de prácticas previstas nas unidades elixidas.