DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa celebración estaba prevista para os días 19 e 20 de marzo

O Covid-19 obriga a adiar a outubro o congreso internacional FADC

Organizado por Esdemga e o grupo de investigación DX7

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Pontevedra 12/03/2020

O situación xerada pola enfermidade do coronavirus (COVID-19), que está a motivar a cancelación de numerosos actos públicos, levou ao comité organizador do congreso internacional FADC (Fashion and Design Conference) a adiar a celebración deste evento, inicialmente previsto para os días 19 e 20 de marzo. “Ante a incerteza que todos compartimos provocada pola COVID-19, vémonos na obriga de pospor o congreso”, salientou o comité organizador deste congreso internacional, promovido por Esdemga e o grupo de investigación DX7, que incide en que a pesares dos trastornos que poida ocasionar aos e ás participantes “o máis seguro para todos nós é tomar esta decisión”. Os días 2 e 3 e outubro serán as novas datas de celebración deste evento internacional, presentado este luns e que reunirá investigadores e investigadoras de diferentes disciplinas que teñen na moda o seu obxecto de estudo. Este adiamento motivou tamén a ampliación ata o 16 de abril o prazo de presentación de artigos para formar parte das actas do congreso.

Ademais do FADC, o coronavirus motivou tamén a suspensión da conferencia que na mañá deste xoves ía impartir na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a consejera de Educación do Goberno de Asturias, Carmen Suárez, quen debeu permanecer en Asturias para a xestión das situacións que está a provocar a expansión do virus.