DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Traballarase con ferramentas de software libre para edición de imaxes

Creación e retoque fotográfico para diversificar a formación do profesorado

A través dun curso de 20 horas organizado pola Área de Innovación Educativa

Etiquetas
  • PDI
  • Vigo
  • A Universidade
DUVI 17/09/2019

A creación de imaxes, o seu tratamento e a súa edición están entre as tarefas máis habituais nos procesos de creación dixital. Trátase de traballo que, moitas veces, se ten que realizar no día a día da labor docente e investigadora, tanto para elaborar documentos ou presentacións para a preparación das clases, como para a preparación de proxectos ou cara a presentación das investigacións do profesorado. Con este obxectivo, a Universidade de Vigo esta a impartir dende comezos deste mes o curso Creación e tratamento de imaxes e fotografías para docentes, un obradoiro en modalidade virtual que ten unha dobre función, por unha banda, formar ao profesorado na edición de imaxes e, por outra, fomentar o uso do software libre. 

As persoas que participan nesta formación adquiren as nocións e habilidades básicas para o tratamento de imaxes empregando software libre, traballando, principalmente, con Gimp, unha ferramenta de retoque e edición de fotografías moi similar ao Photoshop.  Porén, os asistentes tamén poden formarse no uso doutros programas de edición de imaxe como Krita, Scribus e Inkscape que, ademais de para o retoque fotográfico, tamén se empregan para o deseño vectorial. 

Programa e obxectivos

O principal obxectivo deste curso é que as e os asistentes melloren a calidade dos seus traballos dixitais: presentacións, memorias, páxinas web, etc. e, para a súa consecución, o curso enfócase en achegar os sistemas e modelos que fundamentan a creación de gráficos dixitais empregando distintas ferramentas para o tratamento das imaxes que os docentes queiran empregar para os seus traballos. Ao mesmo tempo, tamén se pretende que o alumnado adquira coñecementos para distinguir entre os distintos tipos de imaxes e os seus diferentes usos, así como a manexar os conceptos básicos de cor e os distintos sitios onde se poden atopar imaxes legais que completen as súas composicións gráficas. 

O curso, de 20 horas de duración, divídese en cinco bloques temáticos de entre dúas e oito horas de duración cada un, nos que se abordan os distintos conceptos relacionados coa imaxe, o seu tratamento e as ferramentas e programas necesarios para unha correcta modificación dos distintos formatos empregando sempre software libre. O obradoiro insírese dentro das actividades formativas institucionais da Universidade de Vigo e está xestionado pola Oficina de Software Libre (CIXUG). A docencia alongarase ata o 7 de outubro.