DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación participa un ano máis na conmemoración do seu día

Creatividade para reivindicar a Rosalía de Castro

Profesorado e alumnado do centro desenvolve un amplo programa de actividades

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Ourense 17/02/2020

Por cuarto ano consecutivo o campus de Ourense únese á celebración o 24 de febreiro do Día de Rosalía, conmemoración posta en marcha pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coincidindo co aniversario do nacemento da escritora galega Rosalía de Castro. Nesta ocasión, 12 profesores da Facultade de Ciencias da Educación e o seu alumnado desenvolven un amplo programa de actividades co obxectivo de reivindicar a vixencia da figura e a obra da homenaxeada.

Tendo en conta a celebración do Entroido en Ourense, a programación, explican desde a súa organización, comeza esta semana e prolongarase ata finais da que vén, sendo o acto central o día 27 de febreiro. “Este ano o noso obxectivo foi conseguir que o alumnado participase tamén activamente no Día de Rosalía e para acadalo implicáronse na organización 12 profesores e profesoras da Facultade de Ciencias da Educación, cada un deles traballando desde a súa materia e co seu alumnado”, comenta a profesora Isabel Mociño. Desde a organización da actividade destacan a importancia de cada ano non só manter senón dar pulo a esta conmemoración para reivindicar a “vixencia da figura e da obra” de Rosalía de Castro. Ademais de ser unha ferramenta para neste caso traballar arredor da creatividade, a programación deseñada quere, engaden, implicar ás futuras xeracións de mestras e mestres na transmisión da cultura e lingua galegas.  

Tres eixes de programación

A programación, indica Isabel Mociño, vinculouse no campus de Ourense ao poema de Rosalía de Castro Airiños, airiños, aires tendo en conta que este ano a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega escolleu como lema do Día de Rosalía e do seu manifesto Errantes polo mundo. “Collendo esa idea de errar polo mundo, das problemáticas da emigración... o que fixemos foi escoller o poema de Rosalía e vertebramos toda a programación ao seu redor”, indica a profesora da Facultade de Ciencias da Educación. O día 19 de febreiro iniciaranse as actividades coa celebración dun Obradoiro de nubes a partir do poema Airiños, airiños, aires. Baixo a coordinación das e dos docentes Isabel Mociño, Fernando Dacosta, Ana Iglesias e Xosé Constenla, alumnado de Ciencias da Educación participará nun taller creativo no que a partir de materiais de reciclaxe as e os estudantes crearán nubes nas que se recollerán diferentes estrofas do poema elixido e que se decorarán de xeito creativo atendendo ao seu contido. “Escollemos a forma de nube tendo en conta que son un elemento que move o aire, protagonista do poema elixido para vertebrar esta programación”, comentan desde a organización.    

A programación seguirá despois do Entroido coa exposición Rosalía é mundial, que se desenvolverá na Biblioteca Rosalía de Castro e no edificio de Ferro. A mostra consistirá na ubicación en diferentes lugares destes dous edificios de poemas da escritora galega traducidos a múltiples idiomas. Concretamente, na biblioteca exporanse as traducións de Adios ríos, adios fontes a 30 idiomas e no edificio de Ferro a tradución a 22 idiomas de Airiños, airiños, aire. No panel de cada tradución haberá un código QR, realizado polas profesoras María Zabalza e Almudena Alonso, no que o público poderá consultar vídeos e outros contidos do país onde se fala a lingua desa tradución. “Non vai a ser unha exposición tipo senón que xogamos coa idea do encontro fortuíto cos poemas”, sinalan os responsables da iniciativa.

O acto central do Día de Rosalía no campus de Ourense terá lugar o 27 de febreiro, ás 11.30 h na sala Emilia Pardo Bazán. Comezará coa lectura do manifesto polo Día de Rosalía que realiza a asociación organizadora e que nesta ocasión foi redactado por Daniel Asorey. Durante a actividade o alumnado que participou no obradoiro de nubes desfilará coas súas creacións, haberá unha lectura de poemas da escritora homenaxeada e varias intervencións artísticas realizadas por alumnado do campus e inspiradas no poema de Airiños, airiños aires. Estas pezas, de coreografía e música, están sendo desenvolvidas na actualidade no marco de varias materiais impartidas respectivamente polas profesoras e profesores Pino Díaz e Xoana Reguera e Xulio Alonso e Rosa María Vicente.