DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha campaña de sensibilización que percorre diferentes facultades

Cruz Vermella busca no campus novos voluntarios e voluntarias

A iniciativa achegouse este martes a Belas Artes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 12/02/2019

Programas de apoio escolar a nenos e nenas e de animación hospitalaria, obradoiros de educación para a saúde e prevención da violencia en centros de ensino, clases de español para inmigrantes, obradoiro de pintura, actividades lúdico-educativas coa infancia, acompañamento a persoas maiores... Co propósito de dar a coñecer os múltiples ámbitos nos que a cidadanía pode colaborar como voluntario no labor de Cruz Vermella, esta organización desenvolve unha campaña de sensibilización que esta martes se achegou ata a Facultade de Belas Artes. “Aínda que xa hai moita xente colaborando, necesitamos voluntarios e voluntarias para todos os programas, polo que sempre a principios de ano gústanos facer unha campaña de sensibilización para darnos a coñecer e que a xente nova que se incorpora ás facultades saiba que opcións teñen para participar”, salienta Beatriz García, responsable de voluntariado de Cruz Vermella en Pontevedra, que nesta xornada achegou información ao alumnado das actividades que a organización desenvolve na cidade acompañada polo voluntario Xurxo Novoa.

“Hai diversidade de programas, nos que calquera perfil pode ser benvido”, salientou Novoa nunha das breves charlas que ao longo da mañá foron realizando en diferentes aulas de Belas Artes co obxecto de dar a coñecer entre o alumnado universitario os programas que desenvolven con diferentes colectivos na cidade, onde Cruz Vermella conta coa colaboración dun equipo de voluntariado de máis de 500 persoas, que colaboran nunha serie de programas que atenden a máis 10.000 persoas, explica a organización. “Traballamos coa infancia e a xuventude, con maiores, con persoas inmigrantes, en temas de orientación laboral...”, engade García, que recoñece que xa son moitos os universitarios e universitarias que colaboran con Cruz Vermella. “Xeralmente en xaneiro e febreiro, ao igual que en setembro e outubro son meses nos que os alumnos veñen e achegan o seu tempo, que sempre é en función da súa dispoñibilidade e do que queiran facer”, engade García quen explica que ás persoas interesadas realízaselles unha “entrevista de valoración onde vemos un pouco o seu perfil e a súa dispoñibilidade”. Novoa, pola súa banda, centrou as súas intervencións na súa como voluntario nos programas de acollemento familiar e persoas sen fogar. “Achega moito a nivel persoal e a nivel profesional, é tamén unha oportunidade de coñecer xente do ámbito, de coñecer o traballo que se fai en Cruz Vermella”, salienta este psicólogo.

Tres paradas no campus

Tralas presentacións realizadas nesta xornada en Belas Artes, esta campaña de sensibilización achegarase o vindeiro martes 19 á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde instalarán un posto informativo, complementado á súa vez pola proxección dos diferentes materiais audiovisuais da campaña #MilManerasdeVoluntariado, na que se insire esta iniciativa. “A campaña conta con moitos vídeos con testemuños de persoas voluntarias”, explica García dunha serie de contidos recollidos nunha web que conta tamén cun formulario de inscrición para as persoas interesadas. Tras CCSS e da Comunicación, esta iniciativa, que abrangue tamén o Hospital Provincial, o CIFP A Xunqueira e a UNED, trasladarase o mércores 20 á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, tamén cun percorrido achegando información polas diferentes aulas.