DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro persoas cursan mestrados no campus ao seu abeiro

Cuba e Arxentina, países de orixe das e dos beneficiarios das bolsas Ourense Exterior

A iniciativa é froito da colaboración da Universidade, o Consello Social e a Deputación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 05/03/2020

Entre o alumnado estranxeiro que cada curso realiza estudos no campus de Ourense están as e os beneficiarios das bolsas Ourense Exterior. Nesta ocasión son catro persoas residentes no estranxeiro, tres procedentes de Cuba e unha de Arxentina, as que estudan un mestrado ao abeiro desta iniciativa que é froito da colaboración entre a Universidade de Vigo, o Consello Social da Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense. Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, reuniuse esta semana cas e cos beneficiarios destas bolsas para coñecer como se está desenvolvendo a súa estadía e para transmitirlles o apoio da institución académica. Destas bolsas destacou o valor singular que teñen en canto permiten a descendentes de galegos estudar na terra dos seus antepasados ao mesmo tempo que inciden na internacionalización do campus. “Agardamos que teñades unha estadía moi proveitosa con nós”, díxolle a vicerreitora ás e aos bolseiros.  

Tres estudantes para o mestrado de turismo

Tres das persoas elixidas proceden da cidade de Camagüey, no centro-este de Cuba, e están a realizar o Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Entre elas está Laritza Varona. Segundo explica, licenciada en Dereito, decidiu vir á Universidade de Vigo “por superación, quería coñecer o ensino noutras universidades, quería coñecer Ourense polos meus antepasados e superarme facendo un mestrado”. O mestrado que realiza, indica, permítelle coñecer tanto cousas de España como do seu propio país, xa que, lembra, en “Cuba tamén hai sitios termais”. Desde xaneiro en Ourense, salienta como a súa estadía está sendo “unha experiencia inesquecible”, facendo fincapé en como “todo me parece marabilloso. Os profesores son moi atentos, o ensino é moi bo, o campus é fantástico”. Con Laritza Varona veu tamén Arturo Torres, que viu nestas bolsas “un modo de superación, unha oportunidade de coñecer outros campos de coñecemento e de achegarme a outro perfil diferente ao que estudei, pois son licenciado en Dereito”. Con moitos desexos “de aprender e de superar as probas que xurdan”, Arturo Torres subliña como “estou moi contento de estar aquí e moi sorprendido por todo, pola cidade, polo campus, polo trato dos profesores, pola calidade do mestrado”.

Tamén procedente de Camagüey pero no seu caso con formación en Arquitectura e Artes Visuais está Gabriela Dueñas. Segundo explica, a formación en turismo que está a realizar no campus de Ourense ofrécelle oportunidades de futuro xa que, lembra, a súa cidade de orixe “é unha cidade Patrimonio da Humanidade pola Unesco e unha área potencial para o turismo”. Sobre o campus destaca que “é xenial, está moi ben todo, desde a docencia á arquitectura e as infraestruturas”. Ela igualmente se une ás impresións dos seus compañeiros cubanos en canto ao mestrado, indicando como “as conferencias están sendo moi boas e estamos aprendendo moito, non só nesta área de turismo, que é primordial aquí, senón tamén de planificación do turismo en xeral”.

Unha alumna para o mestrado de nutrición

Por último, Laura Cardoso, procedente da cidade de Rosario, en Arxentina, estuda cunha bolsa Ourense Exterior o Mestrado Universitario en Nutrición, na Facultade de Ciencias. Licenciada en Tecnoloxía dos Alimentos no seu país, escolleu estes estudos xa que “é unha parte que non está moi desenvolvida na miña carreira e a min interésame moitísimo”. Por este motivo, indica, “cando vin esta oportunidade de facer o mestrado cunha bolsa decidín aproveitala”. Xa desde agosto en Ourense, ela comparte coas e cos demais beneficiarios a súa opinión da cidade e do campus, salientando como “o campus está moi ben organizado, gústame todo, as clases, a xente, os profesores, está todo moi ben”.