DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ten como obxectivo mellorar as capacidades comunicativas do profesorado

O curso de oratoria e comunicación para docentes esgota todas as prazas na súa primeira edición

Organizado pola Área de Formación e Innovación Educativa, o obradoiro impartirase durante o mes de m

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
DUVI 24/05/2019

A Área de Formación e Innovación Educativa encárgase de ofrecer cursos, talleres e obradoiros relacionados coa mellora das competencias docentes de cara ao desempeño profesional do PDI. E é que aínda que os docentes teñen coñecementos moi amplos e fondos dos seus eidos do coñecemento, ás veces precisan adquirir ou actualizar algunhas competencias didácticas. Unhas das últimas propostas postas en marcha é o Curso de Oratoria e Comunicación para Docentes, que arrancou a comezos deste mes no campus de Vigo e se estenderá ata o día 30. Esta iniciativa, que se imparte por primeira vez, tivo moi boa acollida, con máis xente preinscrita que prazas ofertadas.

O curso está sendo impartido por Daniel Formoso, avogado e experto en oratoria, que destaca que “o profesorado necesita facer que a clase sexa interesante e a oratoria facilita que a mensaxe que quere transmitir ao alumnado chegue con máis facilidade”. Así, esta disciplina convértese nunha ferramenta útil de cara a mellorar a  capacidade comunicativa do profesorado no momento de transmitir os coñecementos. “A xente non se dá conta da importancia da oratoria e a comunicación ata que acude a un curso e ve todo o que este campo pode ofrecer, tanto a nivel profesional como persoal”, subliña o docente. 

As persoas só reteñen un 20% da información por cada hora de escoita

A oratoria xira arredor do manexo da información, do seu tratamento e de como expresala para lograr unha comunicación eficaz, xa que as persoas teñen unha capacidade limitada de retención de datos.“A mente humana só retén un 20% de cada hora de escoita”, salienta Formoso, por iso non se pode dar moita información xunta, é necesario resumila para que os receptores sexan quen de quedar só co máis interesante e, se queren, afondar pola súa conta. Así, resulta imprescindible “preparar o que vamos a contar antes de emitir a mensaxe”, subliña o docente do obradoiro.

Sobre as cualidades precisas para ser un bo orador, Formoso considera que debe dominar tres materias: a mensaxe, a empatía e a transmisión eficaz da información. “Un bo comunicador ten que captar a atención, convencer e por último motivar aos seus oíntes”. Para conseguilo, non só hai que traballar o aspecto verbal e o manexo da información, senón que tamén é importante a expresión non verbal (acenos, mirada, corpo) e os aspectos psicolóxicos (empatía e persuasión) que interveñen na comunicación. 

Para poder lograr unha comunicación efectiva, os oradores teñen tamén que ser capaces de apropiarse do espazo, controlar a mirada, a xesticulación e tamén empatizar e persuadir para lograr que os oíntes entren dentro do discurso. Un adecuado control destes aspectos facilita que “os docentes sexan capaces de facer que o alumnado interactue, de tal forma que as clases non sexan unha exposición e non se convertan en algo monótono e aburrido”, salienta Formoso. 

Unha aprendizaxe práctica

O curso, de 20 horas de duración, desenvólvese nas tardes dos xoves de maio no campus de Vigo. A docencia, eminentemente práctica, divídese en tres bloques principais: a mensaxe, o comunicador e a empatía, eixos sobre os que se traballa  para mellorar as capacidades oratorias dos docentes. Deste xeito, realízanse exercicios que afondan no control do medo escénico, do dominio do espazo, da improvisación e do autocontrol das emocións e do ego. 

Ao longo do curso, as e os participantes traballan coas técnicas básicas de comunicación, referidas a comunicación verbal e non verbal, con exercicios de dicción, fonación e impostación, así como teatrais, musicais ou de interpretación. Todos estes coñcementos "resultan moi útiles no mundo da comunicación para poder dominar o espazo e manexar o medo escénico”, subliña Formoso. 

No que se refire ao aspecto psicolóxico da comunicación, o profesor adquire técnicas de programación neurolingüística destinadas a lograr seguridade e confianza no momento de falar. Así, a través dun compendio de exercicios, os asistentes ao obradoiro aprenden  a “captar a atención dos alumnos e alumnas dentro das aulas e espertar o seu interese na información que se está a transmitir”, destaca o docente do obradoiro.