DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Chévere abriu a programación de teatro para o primeiro cuadrimestre do campus de Vigo

'Curva España' ou a historia de como o tren chegou a Galicia

A obra relata o accidente mortal do enxeñeiro que deseñaba o trazado ferroviario polo sur de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Teatro
  • Cultura
DUVI 08/11/2019

O 6 de maio de 1927 falecía en Riós nun accidente de tráfico José Fernández-España, enxeñeiro encargado do deseño do trazado de entrada do ferrocarril a Galicia dende Zamora. Dende aquel momento, o lugar do sinistro, na antiga estrada de A Gudiña a Verín, pasou a coñecerse popularmente como Curva España, nome tamén da última produción de Chévere, coa que se iniciou onte xoves a programación teatral do campus de Vigo para o primeiro cuadrimestre.

A historia de Curva España é tamén a historia do que puido ter sido e non foi, a idea desbotada dun trazado ferroviario de entrada a Galicia polo sur, pola zona máis poboada de Ourense, pasando por Verín, Xinzo e Allariz. O proxecto quedou esquecido tras caer por un barranco o coche no que o enxeñeiro inspeccionaba a zona e o trazado do tren desprazouse cara o norte, ao macizo central ourensán, unha alternativa complexa e cara que ademais deixou para sempre sen conexión ferroviaria a parte habitada, produtiva e fronteiriza da provincia de Ourense. A proposta dramática de Chévere, que onte se representou nun ateigado Teatro Vidal Bolaño, conta esa historia, un relato transmitido durante case 100 anos entre os veciños, un suceso que estivo tamén rodeado de sospeitas e misterios sen confirmar. 

Chévere, premio nacional de Teatro 2014, estreou esta nova produción o pasado 25 de xullo na Mostra de Teatro de Ribadavia pero este xoves foi a súa primeira representación sobre un escenario vigués. 
Para a composición da peza, desenvolveron durante meses un intenso proceso de documentación así como entrevistas a investigadores e veciños, realizando tamén gravacións de vídeos e sons. Sobre as táboas, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Lucía Estévez e Leticia T. Blanco encargáronse de darlle vida á historia da Curva España mesturando presente e pasado e levando o teatro ao límites da creación audiovisual.

A próxima cita co teatro, o día 27 con Sarabela

A programación teatral do primeiro cuadrimestre para o campus de Vigo continuará o vindeiro 27 de novembro da man de Sarabela, que traerá ao Teatro Vidal Bolaño Crónicas do paraíso, unha versión das Crónicas do Sochantre de Álvaro Cunqueiro. A representación é, coma sempre, de balde ata completar aforamento e comeza ás 18.30 horas.