DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Aula D-Ou-Tras inicia a súa actividade formativa

A danza volve ao campus

15 persoas achéganse á creación escénica a través do corpo e do movemento

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 28/10/2019

Entre a lista de obradoiros de extensión universitaria que este mes de outubro arrancaron a súa actividade no campus de Ourense está a Aula de Danza D-Ou-Tras. Nel, 15 persoas de perfís moi diversos introdúcense no mundo da danza contemporánea e da creación escénica fundamentalmente a través do corpo e o movemento.

A aula, que se prolonga desde o 15 de outubro de 2019 ata o 25 de abril de 2020, conta, ao igual que en edicións anteriores, coa dirección da compañía Traspediante e coa docencia da bailarina e directora artística Nuria Sotelo. Dúas tardes á semana, a formación impártese na ludoteca do campus de Ourense. O perfil de inscritas e inscritos é, segundo explica a docente, “moi diverso, participando tanto xente universitaria como xente de fóra da comunidade universitaria, cun rango de idade e procedencias moi amplo”. Comparten, apunta, o feito de que a maioría entra a formar parte da aula sen coñecementos previos e que todas e todos “sempre desexaron bailar e ven nesta aula unha oportunidade para facelo”. Por ser unha actividade que xa ten unha dilatada tradición no campus, Nuria Sotelo salienta que aínda que cada ano se incorpora xente nova á aula xa hai “un bo núcleo de persoas que repite de anteriores edicións”.

Da formación á representación

Segundo explican as súas responsables, en D-Ou-Tras realízase “nun traballo continuo para achegar a danza e o traballo corporal escénico á comunidade universitaria e a todas as persoas en xeral”. Esta actividade, comenta Nuria Sotelo, ten dúas fases, unha antes do Nadal e outra despois del. Na primeira parte, actualmente en desenvolvemento, a docente detalla como realizan “un achegamento, ou continuación, xa que hai moita xente que continúa de anos anteriores, á danza contemporánea desde un lugar de investigación do propio movemento”. Así, explica, “máis que cuestións coreográficas de copia de formas, o que facemos é investigar cales son os motores do movemento e como fisicamente, en relación ás leis da física (como a gravidade), como chegamos a compor o movemento, pero non desde a forma, que aparece despois”. Tamén, engade a bailarina, traballan “coa composición espacial, que non deixa de ser composición coreográfica” e coas “capacidades físicas, para poder ter un corpo dispoñible, coa forza, elasticidade e axilidade”.  

Ao tratarse dun traballo colectivo e escénico, boa parte da actividade da aula desenvólvese nas sesións formativas que se celebran semanalmente, pero outra gran parte, indican desde a súa organización, desenvólvese na participación en encontros de danza durante o mes de abril. Así, na segunda fase da aula, tralas vacacións do Nadal, as e os participantes fan unha creación na que participan as persoas que así o desexan e que logo se representa na Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, nunha xornada que hai específica de danza, e noutros festivais universitarios galegos. “Unha vez que se pasa por primeira vez esa vergoña ou pudor de actuar ante o público sempre repiten xa que é unha experiencia moi bonita e créase moita complicidade entre o grupo, apóianse moito”, comenta por último Nuria Sotelo.