DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mediante un convenio polo que o ente provincial outorga 100.000 euros a bolsas complementarias

Deputación e Universidade buscan impulsar a mobilidade internacional do alumnado

Destinado ás e aos participantes no programa Erasmus+ e beneficiarios de bolsas propias .

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 18/12/2019

Co propósito de promover a mobilidade internacional do alumnado, a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra asinaron este mércores un convenio de colaboración polo que a institución provincial destinará 100.000 euros a unha serie de axudas complementarias ás bolsas outorgadas ao alumnado participante no programa europeo Erasmus+ ou que realice estadías formativas no estranxeiro como beneficiario das bolsas propias da institución académica. Concretamente, outorgaranse 90 bolsas de 1000 euros ao alumnado que, no presente curso 2019/2020, continúe a súa formación en universidades europeas ao abeiro do programa Erasmus+ e outras dez axudas de idéntica contía para os seleccionados na convocatoria de bolsas propias da Universidade de Vigo, que desenvolven estadías en institucións de fóra da UE. 

Trátase, como sinalou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, da terceira vez que o ente provincial e a institución académica impulsan un convenio do que resultaron beneficiarios, ata a data, 350 alumnos e alumnas e que naceu “nunha situación de crise económica” que “estaba impedindo que moito alumnado puidera acceder a un proxecto que para min é dos máis revolucionarios que creou a Unión Europea”, como é o Erasmus+. A presidenta da Deputación sinalou a importancia que, “nun mundo global”, teñen as estadías formativas para o alumnado, aspecto no que incidiu así mesmo o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, nun acto que contou tamén coa participación da vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización, María Isabel Doval, e da deputada provincial Raquel Giráldez “Desde o punto de vista académico, que o noso alumnado poida participar en proxectos que inclúen estadías noutros países é importantísimo”, salientou Reigosa, que destacou que estas estadías outorgan ao alumnado “moitas máis fortalezas” para logo enfrontarse a un “mundo profesional cambiante e globalizado”.

Enriquecemento formativo e persoal

Tanto Reigosa como Silva subliñaron a importancia do programa Erasmus+, “o que máis está facendo pola construción dese anhelo que temos moitos dunha Europa que sexa garantía de paz, de progreso, de desenvolvemento social e de xustiza”, como sinalou o reitor. Para incidir tamén na importancia da mobilidade internacional, o acto completouse coas intervencións do profesor e coordinador de proxectos europeos do IES Luís Seoane, Modesto Rozas, quen abordou as mobilidades que para o alumnado e profesorado de Formación Profesional ao abeiro do programa Practicum Depo da institución provincial, e da alumna da Facultade de Ciencias do Mar Tania Pereira, beneficiaria dunha das axudas concedidas na anterior edición do convenio. 

Cunha bolsa propia da Universidade de Vigo, Pereira ampliou os seus estudos o pasado curso na Facultad de Ciencias Marinas da Universidad Autónoma de Baja California, en Ensenada (México). “Recibir bolsas que che permitan continuar estudos no estranxeiro é algo moi importante e non só a nivel académico, xa que son experiencias que che permiten crecer como persoa e coñecer outras culturas”, salientou esta alumna, que subliñou tamén que atoparse “fóra da túa zona de confort” axuda a “saber desenvolverte e facer cousas que antes pensabas que nunca poderías facer”. Por iso, Pereira puxo de relevo a importancia que teñen este tipo de axudas económicas, “sen as que moitos destas intercambios non serían posibles”.

Colaboración para a mellora da sociedade

Este convenio insírese no protocolo marco de colaboración asinado por Deputación e Universidade e que permite á institución provincial, sinalou Silva, facer uso do coñecemento que se xera na institución académica para “tomar decisións máis intelixentes”. A presidenta lembrou nese senso á Cátedra Feminismos 4.0 “que está dando tan bos resultados” e impulsada grazas a outro convenio entre as dúas institucións, para incidir como esta colaboración contribúe a “construír sociedades mellores”. Nese mesmo senso, Reigosa puxo de relevo a importancia que "dous faros" desta colaboración sexan o feminismo, posto “que unha sociedade non será xusta mentres non sexa igualitaria”, e o impulso da formación a través de iniciativas como estas axudas á mobilidade.