DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Rafael Bellido ofreceu unha conferencia sobre esta cuestión

O dereito ao recurso, un dereito fundamental da cidadanía

Durante a súa intervención analizou o marco xurídico estatal e europeo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Visitas
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 02/05/2019

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este xoves a conferencia O dereito ao recurso non penal no proceso español á luz da Constitución Europea e do Convenio Europeo de Dereitos Humanos. Nela Rafael Bellido, catedrático de Dereito Procesual da Universidad de Valencia, explicou ao alumando presente no acto como se articula en España o dereito que ten a cidadanía a pedir a revisión dunha decisión xurídica por considerala inxusta.

Coordinada pola profesora doutora Inés C Iglesias, a conferencia, explicou a súa responsable, enmárcase nunha iniciativa da Universidade de Vigo e o Consello Social desta institución académica que “permite convidar a persoas con relevancia estatal e internacional para tratar temas de interese, neste caso vinculados ao mundo do dereito e á práctica forense”. Así, apuntou a profesora, o dereito ao recurso non penal “constitúe un tema moi interesante desde a perspectiva teórica pero tamén ten unha gran relevancia práctica” xa que, indicou, “ao final trátase da independencia dos tribunais e a posibilidade dos cidadáns de acceder á xustiza, non só en primeira instancia, para corrixir eventuais erros”. Deste xeito, comentou Iglesias Canle, “como os tribunais son independentes só poden ser corrixidos polos seus superiores, pola vía dos recursos establecidos legalmente”. Dada esta relevancia, sinalou a profesora, Rafael Bellido foi convidado a falar no campus sobre “como se organiza no noso ordenamento xurídico ese dereito á impugnación, a discutir as decisións xudiciais que o cidadán sente como inxustas”.

Diferentes parámetros

Segundo explicou o catedrático antes da súa conferencia, “o dereito ao recurso, o dereito de solicitar a un tribunal superior que corrixa posibles erros que puidese cometer un tribunal inferior, é a manifestación dun dereito fundamental que é o dereito á tutela xudicial efectiva”. Como dereito fundamental, indicou Rafael Bellido, vincula ao lexislador, de xeito diferente se se trata dun proceso civil ou un proceso penal. A protección dese dereito, detallou o experto, non só se realiza ante a máis alta institución estatal como é o Tribunal Constitucional, senón tamén ante o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, que á súa vez, revisa as decisións do Tribunal Constitucional de cara a protexer os dereitos humanos e os dereitos fundamentais. Trátase polo tanto, apuntou o xurista na súa visita por primeira vez ao campus de Ourense, “dunha materia que ten gran relevancia a nivel constitucional, xa que o Tribunal Constitucional é o órgano supremo dos dereitos fundamentais”.

Durante a súa conferencia Bellido abordou “como debe interpretarse ese dereito ao recurso á luz da xurisprudencia do Tribunal Europeo, que non utiliza exactamente os mesmos parámetros que o Tribunal Constitucional”, a pesar de que o ten orientado, segundo indicou. Así, durante a súa intervención, o xurista quixo pór de manifesto que no contexto español tamén deben ser valorados eses outros parámetros que se empregan no marco europeo e “que permitirían abrir un pouco máis ese dereito ao recurso”, destacando entre eses parámetros o da proporcionalidade.

Outra cita o 9 de maio

No marco da mesma iniciativa, o día 9 de maio, ás 16.00 h, a Facultade de Dereito volverá a acoller unha nova conferencia, que nesta ocasión será impartida por Carmen Otero, titular de Dereito Internacional Privado da Universidad Complutense de Madrid. Neste caso, o acto está coordinado polo profesor doutor do centro Miguel Ángel Michinel e centrarase na práctica do dereito internacional privado en España.