DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Scientific Reports publica un estudo realizado polas universidades de Vigo e California e o IEO

Descobren que as rías galegas fertilízanse con nitróxeno do aire

Demostra a presenza de gran diversidade de microorganismos capaces de asimilar nitróxeno atmosférico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 06/03/2019

O nitróxeno é un elemento esencial na biosfera, dado que é imprescindible para o crecemento das plantas en ecosistemas tanto terrestres como acuáticos. Selvas tropicais, pradarías mariñas e algas microscópicas, mediante o proceso da fotosíntese, alimentan as cadeas alimenticias e retiran dióxido de carbono da atmosfera. “A pesar de que na atmosfera o nitróxeno molecular (N2) existe en grandes cantidades, unicamente uns poucos microorganismos especializados son capaces de utilizalo” explica Beatriz Mouriño, profesora do Grupo de Oceanografía Biolóxica do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo. “O resto tense que conformar con formas de nitróxeno menos abundantes, pero máis baratas enerxeticamente á hora de asimilalas, como son o nitrato ou o amonio” apunta Mouriño. 

Ata hai pouco críase que no océano a incorporación de nitróxeno atmosférico por parte de microorganismos era un proceso de pouca importancia, e restrinxido ás capas superficiais de rexións tropicais onde hai moi pouco nitrato e amonio. De feito, tradicionalmente sempre se vinculou a fixación biolóxica do nitróxeno a rexións tropicais e subtropicais, pero nos últimos anos moitas publicacións demostraron que o rango de ambientes nos que a fixación de nitróxeno é un proceso importante é moito maior, xa que hai organismos fixadores expandidos por todas as augas de todo o planeta. Un destes estudos, realizado por investigadores da Universidade de Vigo, o Instituto Español de Oceanografía (IEO) e a Universidade de California en Santa Cruz (EEUU), acaba de ser publicado este mércores pola revista Scientific Reports, do grupo Nature, e nel demóstrase que estes microorganismos tamén están presentes nas rías galegas. “Os nosos datos revelan a existencia dunha gran diversidade de microorganismos especializados, cuxa presenza e actividade ao longo do ano varía en función das condicións ambientais”, sinala Víctor Moreira, primeiro autor deste traballo, que acaba de defender a súa tese de doutoramento na universidade viguesa.

20 meses de estudo na ría da Coruña

A investigación desenvolveuse ao longo de 20 meses na ría da Coruña no marco do proxecto Nicanor, financiado pola Xunta de Galicia, que estuda a fixación de nitróxeno e fluxo difusivo no noroeste da península ibérica. Neste tempo realizáronse experimentos para medir a utilización de nitróxeno atmosférico, á vez que se obtiveron mostras de ADN para identificar e cuantificar os microorganismos responsables. Simultaneamente, lanzáronse instrumentos que avaliaban o nivel de turbulencia e o ascenso de nitróxeno dende as capas profundas. Segundo Emilio Marañón, profesor do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, que tamén participa esta investigación, “a cantidade de nitróxeno que se incorpora nas rías galegas por este mecanismo é pequena en comparación coa fertilización polo ascenso de augas profundas asociadas ao afloramento; non obstante, debido a procesos de cambio global como  quentamento do océano, estes microbios poden ver aumentada a súa relevancia no futuro”. É dicir, que este estudo servirá como base para determinar cambios na importancia relativa dos diferentes mecanismos que controlan a entrada de nitróxeno novo en ecosistemas, proceso que en última instancia determina a produtividade de recursos explotables nesta rexión.

Parte da tese de doutoramento

O estudo forma parte da tese de doutoramento de Víctor Moreira, defendida en decembro de 2018, no marco do programa Ciencias Mariñas, Tecnoloxía e Xestión. A investigación foi coordinada pola profesora Beatriz Mouriño e conta coa participación de Emilio Marañón e Ana Fernández, todos do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, xunto con Marta Varela, Antonio Bode e Eva Sintes, investigadores do Instituto Español de Oceanografía e Jonathan Zehr e Kendra Turk-Kubo, da Universidade de California en Santa Cruz (EEUU).