DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da xornada Un día no Cinbio. Rompendo teitos de cristal

Descubrindo a investigación de primeira man e con mulleres como protagonistas

O alumnado do colexio Santo Tomás de Porriño visito este centro singular da Universidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Visitas
  • Estudantes
DUVI 01/10/2019

Como parte da xornada Un día no Cinbio. Rompendo teitos de cristal, 25 estudantes de 6º de primaria do colexio Santo Tomás de Porriño participaron nunha visita ás instalacións do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio). Os alumnos e alumnas puideron converterse investigadores e investigadoras durante unhas horas descubrindo en que se está a traballar e realizando varias actividades en diferentes laboratorios.

A catedrática África González, directora do centro singular, foi a encargada de darlles a benvida e explicoulles a organización interna do Cinbio resumindo as principais liñas de investigación que se desenvolven. Ao respecto das mesmas, estudantes como Adrián afirmaban que todo o traballo realizado nestas instalacións é importante porque “o que se estuda aquí pode facer que a ciencia avance” ou reflexionaban como Uxía sobre que “as investigacións realizadas poderían mellorar a medicina e iso é xenial”. Igualmente, moitos mostraron a súa sorpresa respecto dos estudos que se están a realizar como o de poder vacinar a través do nariz e amosábanse moi orgullosos ao saber que o traballo destes investigadores e investigadoras “podería axudar a curar a enfermidade do cancro que non ten cura por agora”, indicaba Asier.

Durante a súa intervención, África González destacou que “o principal valor do Cinbio son os seus investigadores e investigadoras” e tamén puxo en valor o feito de que este é o único centro singular de Galicia dirixido por unha muller. “Isto é importante porque é unha mostra de que é posible chegar a estes niveis e que estudando e formándonos moito podemos lograr o que queiramos, tanto se somos mulleres coma homes”, engadía.

O alumnado estivo acompañado pola directora do colexio, Amaya Alcalde, que incidía na necesidade de “achegar aos nenos e nenas a unha profesión tan interesante como a investigación e tan importante para o seu futuro. Creo que non pensarían nela se non viviran a experiencia de pasar por estas instalacións e coñecer a estas profesoras”.  Pola súa banda, a profesora destes estudantes, Ana Magán, sinalaba que se trata “dunha iniciativa marabillosa non só como unha xornada de igualdade porque a metade das persoas que traballan aquí son mulleres (54%) e é un tema que nos interesa, senón tamén por coñecer o que se está facendo nun centro pioneiro coma este”.  

Charlas e experimentos

Ao da mañá, as nenas e nenos participaron en actividades de histoloxía e microscopía para ver varias estruturas con distintas tinguiduras e facer un xogo cos microscopios onde relacionaron un mesmo tecido con coloracións diferentes. Tamén se achegaron ao eido da inmunoloxía, a través dun ensaio para testar vacinas, que permite cuantificar a cantidade de anticorpos presentes en mostras biolóxicas a través dunha reacción encimática que produce un cambio de cor apreciable a primeira ollada.

Os alumnos e alumnas tiveron tamén a oportunidade de saber máis sobre nutrición saudable grazas a unha charla e a elaboración dun almorzo saudable e, por último, coñeceron a aplicabilidade da nanotecnoloxía, realizando un pequeno experimento no que sintetizaron nanotriángulos de ouro observando como a formación fai que as propiedades ópticas do líquido cambien, dando información da súa forma e tamaño.