DUVI

Diario da Universidade de Vigo

deseño creación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 18/07/2019

O Concello de Pontevedra amosou este xoves o seu apoio institucional e incondicional para que nova titulación de Deseño e Creación se cree no campus de Pontevedra. Así o manifestou o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, tras unha xuntanza co decano-comisario da citada titulación, Marcos Dopico, e a directora do Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda, Lola Dopico. Segundo afirmou Fernández Lores, "cremos que esta titulación é necesaria nun momento en que o campus de Pontevedra, que é un campus pequeno pero moi especializado, está seguindo unha liña correcta que ten que ver coa moda, co deseño, e coa creatividade, e non podemos de ningunha maneira perder esta oportunidade". O alcalde asegurou que este apoio 'institucional e incondicional" é de todo o equipo do Goberno municipal.
O rexedor municipal tamén informou que mantivo unha conversa co reitor da Universidade de Vigo na que falaron da aposta por esta titulación para Pontevedra. Fernández Lores anunciou ademais que "poñemos a disposición da titulación e da Reitoría todas as posibilidades que o Concello teña en todos os sentidos" e lembrou que "non hai dúbida de que nós apostamos pola Universidade, apostamos polo Campus Crea, apostamos no seu día por Esdemga dunha forma activa e mesmo económica, e que se sigue mantendo".

O grao en Deseño e Creación está neste momento, segundo informou Marcos Dopico, no último proceso de tramitación. Esta nova titulación foi aprobada pola Xunta no ano 2017 e, tras un aprazamento o ano pasado, está previsto que sexa unha realidade no curso 2020-2021 e conte con 45 prazas. Aínda que para o primeiro ano non se prevé que haxa problemas de espazo, Fernández Lores asegurou que "de cara ao futuro, o Concello ten a disposición da Universidade unha parcela de 1000 metros fronte ao campus universitario e cunha edificabilidade con capacidade para Belas Artes e para Deseño e Creación, e incluso para calquera outra titulación". 

Este encontro co Concello prodúcese tras a reunión que esta semana tivo lugar en Belas Artes para tratar de desbloquear a situación e chegar a un acordo para implantar o novo grao no centro. Pero as posturas encontradas no seo de BBAA, que xa quedaran claras no Claustro do 10 de xullo, imposibilitaron esta opción, polo que, como xa anunciara Reigosa no Claustro, ao non chegar a un acordo no prazo dado dunha semana, optarase por volver á vía dun novo centro para poñer en marcha o grao.

“Alta demanda social”

"Polas referencias que temos doutros lugares nos que existe esta titulación pensamos que este grao vai ter unha demanda altísima e unha nota de corte tamén altísima" asegurou Marcos Dopico. Unha idea que reforzou Lola Dopico asegurando que "todos os días en época de matrícula recibimos chamadas preguntando onde poden facer este grao". Ademais de non existir en Galicia, este grao está implantado en moi poucas universidades públicas do Estado e, na actualidade, as que o ofertan están no País Vasco, Madrid, Barcelona, Tenerife e Valencia. 

Marcos Dopico informou que o equipo do decanato da Facultade de Belas Artes de Pontevedra foi o principal impulsor desta titulación seguindo unha folla de ruta marcada, a comezos deste século, polas Facultades de Belas Artes das Universidades públicas do Estado que, a petición do Ministerio de Educación e Universidades, elaboraron un libro branco no que se incluían grao en Belas Artes, grao en Deseño, e grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais. O decano-comisario asegurou que "seguindo esta folla de ruta traballamos para ofrecer unha formación universitaria en Deseño que non existe en Galicia ata hoxe e que está moi demandada tamén por alumnado que remato o grao en Belas Artes e ten que marchar fóra facer o máster en Deseño". Neste sentido, remarcaba que a posta en marcha desta titulación sería algo “moi positivo para a cidade e para o campus e algo necesario socialmente”.

45 prazas

Sobre a posibilidade de que o grao de Deseño afecte á matrícula do grao de Belas Artes, o decano-comisario, Marcos Dopico, lembrou que a normativa da Xunta esixe que cando se implanta un grao novo nun campus, esas prazas se restan, ou ben doutra titulación ou ben do conxunto das titulacións do campus. “Neste caso desde o principio plantexouse que se detraesen de Belas Artes, pero tamén é certo que desde a Reitoría estase a traballar para que esas prazas non se retiren, sobre todo porque a Xunta tamén permite recuperar esas prazas, sobre todo naquelas titulacións que teñen unha alta demanda, como é o caso de Belas Artes que, xa no primeiro prazo de matrícula para o curso que vén cubriu todas as súas prazas e conta cunha lista de agarda de 77 persoas”. Estas cifras son, na opinión de Dopico, “un argumento de peso para que a Xunta de Galicia flexibilice esa limitación de prazas”.Por último, tamén informou que a memoria xustificativa da nova titulación contempla dúas mencións (orientacións), unha de 'deseño en moda', e outra en 'deseño gráfico multimedia'.