DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha exposición aclara afirmacións erróneas populares na sociedade

Desmontando 14 informacións falsas desde o punto de vista da bioloxía

A mostra está na entrada do edificio Politécnico ata o 15 de decembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 04/12/2019

Unha exposición que intenta, a través de datos científicos, desmontar 14 informacións falsas ou interrogantes populares na sociedade. Así se presenta a mostra Sensacionalismos e fake news en bioloxía que desde o día 2 e ata o 15 de decembro está instalada na entrada do edificio Politécnico do campus de Ourense. Nela, as persoas interesadas poden coñecer desde se é malo ou non durmir con plantas na habitación ou se é realmente imposible responder á pregunta de que foi antes, o ovo ou a galiña.    

A mostra é unha iniciativa nada no marco do Grupo de Innovación Docente en Bioloxía da Universidade de Vigo e está realizada polas profesoras Rosa Álvarez, María Jesús Iglesias e Encarna de Miguel. “Co acceso fácil a internet é frecuente constatar como se asentan entre a poboación noticias falsas que alcanzan maior difusión da que deberían. Esta exposición tenta destapar algunhas noticias falsas e sensacionalismos que carecen de fundamento científico”, comentan as súas responsables. Segundo explican as coordinadoras da iniciativa, “levamos varios anos organizando exposicións divulgativas e este ano quixemos desmontar algúns mitos en bioloxía. Hai moitas informacións falsas que circulan nos medios de comunicación, xa sexa prensa escrita como dixital, e esta pareceunos unha maneira amena de aclaralas”.

Diversidade de exemplos

Dirixida tanto a un público infantil como adulto, a exposición está formada por 14 paneis que abranguen en canto á súa temática “un pouco de todo, temas de animais, as promesas das formulacións cosméticas, se durmir con plantas na habitación é malo para a saúde... cuestións que circulan na poboación, que non teñen unha base científica e que é hora de desmentir”. Cada panel arranca expondo a cuestión a análise, compleméntase cunha imaxe ilustrativa e explica desde o punto de vista da ciencia as razóns polas que a información é errónea ou cal é a resposta correcta á pregunta que se formula.

Así, ante as promesas de “eterna xuventude” das fórmulas cosméticas, as investigadoras apuntan nun dos paneis como “polo seu tamaño, nin as células enteiras, nin as grandes proteínas como o coláxeno nin os ácidos nucleicos, son capaces de atravesar as barreiras da pel. A efectividade destes compostos só se pode garantir por tanto cando se aplican con formulacións específicas e/ou se usan estratexias que permitan a súa chegada a áreas internas da pel”. Outro exemplo incluído na mostra é a pregunta en teoría sen resposta de que foi antes, o ovo ou a galiña, á que as investigadoras responden “en zooloxía témolo claro: o ovo é moito máis vello que a galiña, xa que os réptiles que tamén poñen ovos con cáscara xurdiron moitísimo antes que as aves”. Tamén se desminte na mostra falsidades como que ao cortar unha lombriga en dúas partes créanse dúas lombrigas, explicándose como “cando se rompe soamente queda viva a parte anterior que contén a boca”.