DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes celebrouse a primeira sesión das Xornada de Portas Abertas XOU da Universidade

Un día para coñecer o campus de Ourense en primeira persoa

A programación incluíu unha zona de feira no pavillón de deportes e actividades nos centros

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 18/06/2019

O campus de Ourense acolleu este martes a primeira da Xornada de Portas Abertas, XOU, que esta semana teñen lugar nos tres campus da Universidade de Vigo co obxectivo de que o alumnado preuniversitario poida coñecer de primeira man os seus centros e estudos. A programación incluíu unha zona de feira no pavillón de deportes aberta ao alumnado de ensino medio e as súas familias e diferentes actividades nas instalacións das facultades e escolas.

Susana Rodríguez, directora da Área de Captación do Alumnado, da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, salientou durante a xornada como “a idea de facer xornadas de orientación universitaria e de portas abertas realmente xa estaba pero faltaba que fosen máis sistemáticas e máis institucionalizadas”. Cun formato diferente en cada campus, indicou, “a idea común destas xornadas é visibilizar as posibilidades e dar a coñecer a oferta formativa da Universidade de Vigo”. “É importante facerlle ver aos estudantes e ás súas familias todo o que temos no noso campus”, recalcou pola súa banda Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, sobre a importancia de levar a cabo iniciativas coma estas xornadas.

A importancia da vocación

O pavillón de deportes foi o espazo escollido para celebrar unha zona feira na que cada centro do campus de Ourense contou cun espazo propio no que informar ás persoas interesadas sobre as súas titulacións, instalacións e actividades. No posto da Facultade de Historia, a súa decana, Susana Reboreda, subliñou a importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas de captación de alumnado, lembrando como o seu centro traballa intensamente neste eido. Á hora de orientar ás e aos estudantes que están a piques de elixir carreira, Susana Reboreda destacou a importancia de “fagan o que lles guste”. Se o que lles gusta é a historia, a decana apuntou como entre as vantaxes da súa facultade están que “é a única que en todo o norte de España ten un Grao en Xeografía e Historia” e que “ofrecemos unha atención moi personalizada e unha oferta moi ampla en prácticas externas, saídas de estudos e actividades”.  

A importancia de guiarse pola vocación foi tamén un dos aspectos salientados por Gil Garrote, decano da Facultade de Ciencias, á hora de orientar ao alumnado preuniversitario. En todo caso animounos a “perder o medo ás carreiras de ciencias, que cun pouco de vocación fanse como calquera outra”. Para as e os interesados nesta área de coñecemento, Gil Garrote indicou como no seu centro ofértanse “titulacións orientadas ao ámbito do medio ambiente, titulacións que chamamos verdes, como enxeñaría agraria e ciencias ambientais, e tamén ciencia e tecnoloxía dos alimentos”, apuntando entre os puntos fortes desta facultade o profesorado e os equipamentos dispoñibles.

Valorando opcións

Entre os primeiros estudantes preuniversitarios que se achegaron este martes á zona de feira estaba Pedro Otero. Procedente de Vigo e acompañado pola súa irmá, estudante de mestrado da Universidade de Vigo, el decidiuse a participar nas xornadas de portas abertas do campus de Ourense co obxectivo de coñecer de primeira man as súas instalacións e as titulacións que nel se imparten no eido da enxeñaría. “Interésame sobre todo Aeroespacial. Atráeme porque lle vexo moitas saídas profesionais, paréceme unha carreira moi útil e a min gústame fedellar cos cacharros”, comentou na súa visita aos postos. Con ganas xa de empezar a súa etapa universitaria, Pedro Otero apuntou como á hora de valorar as oportunidades que ofrece o campus de Ourense ten en conta “as boas referencias” que ten del por estudantes seus. Tamén interesado polo Grao en Enxeñaría Aeroespacial e tamén chegado de Vigo estivo na zona feira Jorge García. Á espera de coñecer a nota das probas de acceso á Universidade, este estudante aproveita o tempo para ter máis información de primeira man dos graos do seu interese. Apuntando como xa tiña estado no campus de Ourense coñecendo as súas instalacións anteriormente, salientou como lle “gusta a fusión da natureza co espazo universitario” da zona universitaria e como “teño boas referencia da Universidade”.

Para atender as demandas destes estudantes, no posto da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus estivo na zona de feira profesorado do centro o seu director, Arno Formella. Consciente da alta demanda que cada curso académico ten o Grao en Enxeñaría Aeroespacial, único en Galicia, o responsable da escola subliñou o seu desexo de que “agardamos que veñan estudantes con ilusión e ganas de traballar”. Aos que aínda non se decidiron, no seu stand informaron ás persoas interesadas sobre a oferta de grao e mestrado do centro.

Ademais de información sobre os centros, as titulacións, os servizos xerais da Universidade e entidades como a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE, nos diferentes postos desenvolvéronse obradoiros e exhibicións. Completouse a programación coa celebración nos propios centros de visitas guiadas, talleres relacionados con idiomas, educación artística, ciencias experimentais e radio e unha degustación e charla a cargo do propietario do Café Pacífico Francisco Domínguez. As xornadas continuarán o día 19 no campus de Pontevedra e o día 20 no de Vigo.