DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 31 de xaneiro, a comunidade universitaria ten acceso gratuíto a actividades e instalacións

Diferentes opcións para comezar 2020 facendo deporte

O abono Muver conta con máis de 480 usuarios e usuarias no campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Pontevedra 20/01/2020

Co propósito de promover a practica de actividade física entre a comunidade universitaria e de que poidan coñecer as diferentes actividades que se ofertan aos usuarios e usuarias do abono Muver, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo promove, neste comezo de ano, o acceso gratuíto ás diferentes actividades e instalacións para as e os integrantes da comunidade universitaria. No caso do campus pontevedrés, esta iniciativa, que se estende desde este luns 20 ata o venres 31, abrangue tanto o acceso á sala de cardio-fitness do Pavillón Universitario como a participación nas actividades dirixidas que se ofertan aos máis de 400 usuarios e usuarias do abono Muver. En ambos casos, explica o técnico da área no campus, Gustavo Loureiro, “será necesario que previamente se dean de alta na plataforma Campusactivo e rexistren a súa pegada”, para logo ben poder acceder á sala ou ben reservar praza nas sesións de pilates, ciclo indoor, cross training, xogos e deportes colectivos ou defensa persoal.

O obxectivo desta quincena gratuíta, sinala Loureiro, “é que a maior cantidade de universitarios e universitarias posible poidan coñecer as nosas actividades”. Gratuítas para os usuarios e usuarias do abono Muver, nesta serie de actividades dirixidas, nas que a inscrición debe formalizarse, tamén a través de Campusactivo, un máximo de 24 horas antes de cada sesión, inclúense “propostas que están funcionando moi ben”, como pilates, ciclo indoor ou cross training. Propostas ás que este curso se sumaron xogos e deportes colectivos e defensa persoal, unha actividade esta última que “está a ter menos demanda polo de agora e que se desenvolve cada luns, de 20.00 a 21.00 horas, no Pavillón Universitario”. 

Así mesmo, outra das novidades que este curso se puxo a disposición dos abonados e abonadas é natación, no complexo deportivo de Campolongo, á que as e os usuarios do abono Muver poden acudir os luns, martes e xoves en horario de 20.45 a 21.30 e de 21.30 a 22.15 horas e os luns, xoves e venres entre as 15.30 e as 16.15 horas.

Máis de 480 aboados e aboadas

Desde a pasada semana está aberta a adquisición do abono Muver para este segundo cuadrimestre, cun prezo de 35 euros para a comunidade universitaria, de 50 para titulados e persoal das entidades privadas do campus e de 100 para persoas alleas á institución académica. Máis de 480 usuarios e usuarias contan ata a data no campus cun abono que permite o acceso gratuíto tanto á sala de cardio-fitness como ás actividades dirixidas, ademais de ofrecer descontos noutra serie de propostas da Área de Benestar Saúde e Deporte. Así mesmo, entre as opcións que se ofertan no campus figuran tamén os servizos de fisioterapia e medicina deportiva, na Escola de Enxeñaría Forestal, ou os descontos que os centros deportivos colaboradores ofrecen á comunidade universitaria.