DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con 20 prazas, será a primeira en implantarse dentro do Sistema Universitario de Galicia

Dirección e Xestión Pública prepárase para estrear a súa modalidade virtual

Un curso amplía nestas semanas a formación do profesorado en teledocencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Saúde
  • TIC
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 20/05/2020

No mes de setembro, o grao en Dirección e Xestión Pública converterase no primeiro do Sistema Universitario de Galicia (SUG) en contar cunha modalidade virtual, para a que se ofertan 20 prazas, que se suman ás 25 do modo presencial. Co propósito de ampliar a formación en materia de docencia virtual do profesorado, esta semana botou a andar un curso obrigatorio para as e os docentes que impartirán as materias de primeiro curso de xeito virtual. De xeito progresivo, a nova modalidade do grao que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ira substituíndo á opción semipresencial, de tal xeito que, como explica a coordinadora do grao, Soraya Rodríguez, no curso 2023-2024 “as únicas modalidades existentes serán a presencial e a virtual”.

Posta en marcha no curso 2014-2015, esta modalidade semipresencial, explica Rodríguez, “foi moi ben acollida por un perfil concreto de alumnado”, formado maioritariamente por persoas maiores de 30 anos, que traballaban ou querían traballar no sector público. Mais tamén, sinala, “detectamos que a oferta dun grao virtual permitiría o acceso a alumnado que, ata o de agora, tiña moitas limitacións para acceder a estes estudos por residir fóra de Galicia”. Deste xeito, a diferencia da opción semipresencial, que a pesares de desenvolver a súa docencia a través da plataforma de teledocencia da Universidade implicaba a realización de probas de avaliación final presenciais, coa nova modalidade  será posible cursar o grao “dende calquera país, adaptando o seguimento aos seus horarios”, así como “realizar as diversas probas de avaliación de maneira virtual, facilitando a conciliación familiar e laboral do alumnado”, como salienta Rodríguez.

Mesmos contidos, diferentes metodoloxías.

A implantación desta nova modalidade chega así mesmo tras unha modificación do plan de estudos do grao, que buscou, como explica a súa coordinadora, “adaptar o currículo, competencias e actividades formativas ás novas necesidades das administracións públicas”, a través dunha “pluralidade e riqueza de contidos que permiten unha importante polivalencia” e do que forman parte ámbitos como o dereito, a contabilidade, a economía, o márketing e empresa ou as políticas e a xestión pública. Este novo plan abrangue tanto a modalidade presencial como a virtual, coas mesmas materias e competencias, pero con diferencias “nas metodoloxías e nas ferramentas a empregar” para a docencia e avaliación. “Empregaremos a plataforma de teledocencia Moodle e as aulas virtuais do Campus Remoto”; a primeira para xerar “pílulas explicando os contidos máis relevantes dos temas, foros de debate e diversas probas avaliativas”, mentres que a segunda permitirá desenvolver clases virtuais. 

Formación para o profesorado

Esta semana botou a andar a primeira edición do curso Formación do profesorado universitario no Grao Virtual en Dirección e Xestión Pública, aberto tamén, ata cubrir as súas 20 prazas, a outros docentes da titulación, máis aló dos que impartirán docencia virtual a partir de setembro. De 70 horas, trátase dun “curso práctico e orientado fundamentalmente a que configuren o espazo virtual da súa materia”, explica o profesor Xosé Mahou, coordinador xunto con Enrique Varela desta proposta formativa. Impulsado pola Área de Innovación Educativa, o curso centra os seus contidos “en aspectos básicos sobre docencia virtual, a elaboración de materiais didácticos e creación de vídeos e as principais ferramentas de docencia e comunicación de Moodle”, á vez que abordará cos e as participantes a “estrutura e deseño dos espazos virtuais” das súas materias. Trátase ademais, dunha formación con dous niveis, un básico, que se corresponde con esta primeira edición, e un segundo curso de carácter avanzado, “no que se afondará no estudo das ferramentas de docencia máis sofisticadas que ofrece Moodle e na aplicación de metodoloxías innovadoras na contorna virtual”, engade Mahou.

A experiencia acumulada e a inesperada

A experiencia da modalidade semipresencial do grao, pero tamén do mestrado virtual en Dirección Pública e Liderado Institucional, que se imparte desde hai nove anos, resultaron, como recoñece Rodríguez, “decisivas” para deseñar esta nova modalidade. “Durante os últimos anos vimos comprobando que ferramentas e metodoloxías docentes funcionan coa docencia virtual e cales non e tamén detectamos onde están as principais dificultades do alumnado a distancia”, salienta a coordinadora do grao. Mais a estas experiencias previas coa sumouse a obrigada, nas últimas semanas, pola crise da COVID-19; unha “situación extraordinaria” que, como recoñece a coordinadora do grao, axudou a “pulir algúns aspectos” no referido á docencia telemática, así como a ver “novas posibilidades e experimentar cos sistemas de avaliación integramente virtuais”.