DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un curso abordará no campus as claves do adestramento deportivo de alto rendemento

Dirixido a estudantes e profesionais, desenvolverase entre o 21 e o 25 de xaneiro

A inscrición permanece aberta ata o 4 de xaneiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Pontevedra 18/12/2018

A análise do sistema neuromuscular como un factor que determina o rendemento deportivo, a fisioloxía do exercicio, a nutrición deportiva, as calidades que deben desenvolver os adestradores e adestradoras ou a prevención e readaptación de lesións. Estes son algúns dos temas que, entre o 21 e o 25 de xaneiro, abordará na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte o curso Adestramento deportivo de alto rendemento, unha actividade formativa dirixida tanto a alumnado e titulados e tituladas como a profesionais que se desenvolve por primeira vez neste centro co propósito de achegar unha formación específica sobre o traballo con deportistas profesionais.

“Non hai moitos cursos específicos de adestramento deportivo en Galicia e a nosa idea é tanto formar a novos profesionais como orientar e capacitar a persoas que xa traballan neste ámbito”, sinala o profesor Emerson Ramírez, director deste curso de 32 horas promovido polo Departamento de Didácticas Especiais e que mantén aberta a súa preinscrición ata o 4 de xaneiro. Docentes desta facultade do campus pontevedrés e da Universidade da Coruña, xunto con técnicos do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), integran o profesorado responsable deste curso de formación con 40 prazas, no que se abordarán tamén aspectos como a análise dos procesos de planificación deportiva desde unha perspectiva de xénero ou “o que significa o olimpismo, tanto para os nenos como para os profesionais e para o deporte en si”. Do mesmo xeito, estes contidos combinaranse con sesións centradas nunha disciplina deportiva en concreto, "como taekwondo triatlón, natación, remo, piragüismo e atletismo, que son deportes representados no CGTD”, centro que tamén será visitado polos e polas participantes, “coa idea que coñezan a estrutura e dinámica que teñen os deportistas e os adestradores nun centro de alto rendemento”, engade Ramírez, que incide en se trata dun seminario que busca servir á súa vez como punto de partida para “para facer no futuro cursos xa máis específicos”.

Cinco días, 16 módulos

Este curso de adestramento deportivo de alto rendemento arrincará o luns 21 de xaneiro coas sesións sobre análise do sistema neuromuscular e olimpismo que impartirán os profesores de Ciencias da Educación e do Deporte Óscar García e María José Martínez Patiño, xunto co módulo sobre rendemento en deportes de resistencia a cargo do tamén docente da facultade Telmo Silva, que o martes imparte unha sesión sobre remo. Nesta segunda xornada, o técnico do CGTD Fernando Zarzosa abordará as novas tendencias no adestramento en natación,  mentres que o profesor José Luis García Soidán centrarase na alimentación e Ramírez no adestramento de resistencia aeróbica e anaeróbica. 

O mércores 23, o catedrático Carlos Lago abordará o adestramento en fútbol e deportes de equipo e a profesora da facultade Marián Fernández Villarino impartirá o módulo sobre muller e rendemento deportivo. Ao día seguinte, o seminario contará coa participación dos técnicos do CGTD Jonathan Cancela, Jesús Benito Díez e Merce Barrientos, que abordarán as disciplinas do triatlón e o taekwondo, mentres que o profesor da Universidade da Coruña Isidoro Hornillos centrarase no atlestismo e o tamén profesor da UDC Víctor Arufe falará de como mellorar a praxe como adestradores. Xa o venres 25, o curso pecharase co módulo sobre piragüismo do técnico do CGTD Juan Pardo, coa sesión sobre adestramento funcional que impartirá o profesor desta facultade Diego Alonso e co módulo sobre prevención de lesións que protagonizará o readaptador do Real Club Celta Pedro Docampo.