DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O traballo realizouse ao abeiro do programa CleanAtlantic, liderado polo Cetmar

Divulgare estrea vídeo centrado na problemática do lixo mariño

O obxectivo é ir concienciando á sociedade sobre a dimensión dun problema con graves consecuencias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 10/03/2020

Divulgare estrea esta semana un novo vídeo, un traballo centrado nesta ocasión no tema do lixo mariño co que se busca pór a disposición do público novos materiais cos que ir concienciando á sociedade sobre a dimensión dun problema con graves consecuencias para a saúde e a seguridade humana e que ocasiona tamén graves perdas económicas.

Esta nova peza audiovisual está realizada ao abeiro do programa CleanAtlantic, proxecto liderado polo Centro Tecnolóxico do Mar, Cetmar, e que ten como obxectivo a protección da biodiversidade e os servizos ecosistémicos no espazo atlántico por medio da mellora das capacidades de prevención, monitorización e eliminación do lixo mariño. Financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico (2014-2020), este proxecto fomenta a concienciación e o cambio de hábitos na sociedade actual. “Desde Divulgare levamos anos colaborando co Cetmar e nesta ocasión volveron contactar con nós para formularnos a posibilidade de realizar esta peza audiovisual”, explica o profesor Luis Navarro, responsable de Divulgare, o proxecto de divulgación do Grupo de Ecoloxía e Evolución de Plantas da Universidade de Vigo, quen insiste en que o vídeo, unha peza de algo máis de seis minutos de duración, ilustra esta problemática e como está traballando CleanAtlantic para atallala.

A nova peza distribuirase por toda Europa e tamén en Estados Unidos

Dispoñible en castelán e inglés e tamén con subtítulos en francés e portugués, a peza vaise distribuír por toda Europa e a idea é trasladala tamén a Estados Unidos, xa que o lixo mariño é un problema global. “No proxecto participan 19 socios de cinco países e desde o Cetmar xa se están a encargar de trasladalo a todas esas entidades para que cada unha delas poida difundilo nos seus respectivos ámbitos”, explica Navarro.

“No proxecto CleanAtlantic estamos mellorando o coñecemento e as capacidades de prevención, monitoraxe e redución do lixo no medio mariño”, explica no vídeo Marisa Fernández, coordinadora do proxecto, quen tamén recalca que o proxecto fai unha aposta clara por incrementar o grao de sensibilización social sobre este problema, desenvolvendo materiais de concienciación e organizando diferentes actividades dirixidas a facilitar un cambio de hábitos poboacionais cara un comportamento máis sostible.

Vídeos centrados no antropoceno e o cambio global

Desde Divulgare levan anos traballando no denominado antropoceno, “o período xeolóxico no que estamos na actualidade e que está caracterizado polos problemas que está xerando a actividade humana para a vida no planeta”, explica Navarro, que insiste en que neste contexto de cambio global, inclúese, por exemplo, o cambio climático, “que é o que a maioría da xente coñece, pero a maiores deste hai moitos outros problemas xerados tamén pola actividade humana, como é o caso do lixo mariño, un tema que consideramos bastante preocupante, polo que tiñamos bastante interese en centrar un dos nosos vídeos nesta temática”.

Se ben este é o primeiro vídeo que centran no tema do lixo mariño, Divulgare conta xa cunha dilatada traxectoria na publicación de diferentes pezas audiovisuais sobre contaminación mariña, sobre todo por hidrocarburos e outro tipo de vertidos químicos.