DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os galardóns distinguen os mellores traballos fin de grao de Ciencias Empresariais e Turismo

Dous estudos sobre eficiencia de custes en Mitsubishi e o turismo en Verín acadan os Premios José Manuel Pérez Canal

Están organizados co Colexio de Economistas de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI Ourense 26/11/2019

Un estudo sobre a eficiencia de custes en Mitsubishi e outro sobre o turismo en Verín acadaron este martes os primeiros premios dos galardóns que cada ano conceden a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e o Colexio de Economistas de Ourense aos mellores traballos fin de grao do centro. Ademais, distinguíronse traballos sobre as criptomoedas, o turismo para celíacos e as pensións.

O acto de entrega tivo lugar no marco da celebración do Foro Economía e Sociedade, organizado polas dúas entidades e que contou coa participación de Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Mª Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Mª del Carmen Sampayo, decana do Colexio de Economistas de Ourense, e Margarita Hermo, directora da Asociación Galega de Empresa Familiar. O foro arrancou cunha conferencia de Carlota López, presidenta do Forum de Xóvenes da Asociación Galega de Empresa Familiar, titulada Diversificar na empresa familiar: o caso do Grupo Aresa. Nela explicou a estrutura do seu grupo, que abrangue desde a distribución de fertilizantes e a fabricación e distribución de pensos ata a venta ao público de produtos de agricultura, gandaría, mascotas e xardín. Tamén falou Carlota López ao alumnado presente da evolución de Aresa como empresa familiar, neste caso de segunda xeración. 

Na presentación dos premios salientouse como os galardóns xorden no marco do convenio de colaboración existente entre o órgano colexial e a Universidade de Vigo. Nesta edición, a sétima, detallouse, pasaron a denominarse Premios TFG José Manuel Pérez Canal en homenaxe ao falecido presidente da Confederación Empresarial de Ourense. Na súa lembranza salientouse como para as futuras xeracións de empresarias e empresarios que se están formando nesta facultade “é un referente” pola súa traxectoria e valores “e un exemplo de compromiso profesional, familiar e persoal con Ourense”.

Cinco premios

O primeiro premio no Grao en Administración e Dirección de Empresas foi para Marlon Móller, un dos primeiros estudantes en rematar o dobre grao en Administración e Dirección de Empresas pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e a Universidade de Bremerhaven, en Alemaña. O seu traballo fin de grao, titulado An assessment of valuation methods at Mitsubishi Fuso Truck and Bus Corporation, estivo dirixido polos profesores Ernesto López-Valeiras, pola Universidade de Vigo, e Class Legenhausen, por Bremerhaven. Nel analiza a aplicación de tres métodos de valoración que inicialmente se consideraron potencialmente axeitados para calcular a eficiencia de costes de material directo comercial en Mitsubishi Fuso Bus and Truck Corporation.

No Grao en Turismo o primeiro premio foi para Castor Pérez polo traballo Análise do sistema turístico da comarca de Verín, dirixido por Mª Montserrat Cruz. O traballo, explica o seu autor nel, “busca coñecer o desenvolvemento da planta turística da Comarca de Verín, con que atractivos turísticos conta e de que maneira están sendo explotados”. A partir dos datos analizados, o egresado sinala que se conclúe que “a planta turística da comarca é axeitada e cumpre coa demanda actual, debido sobre todo a que é un destino de paso e que o nivel de pernoctación é baixo”. O traballo tamén recolle como “aínda que os concellos conten cun número significativo de atractivos turísticos, a escaseza de planta turística, principalmente concentrada en Verín, e a pouca ou nula promoción fai moi complicado que o turista poida coñecelos e disfrutalos”.  


Estes dous primeiros premios non puideron ser recollidos polos egresados galardoados, que se atopan por motivos profesionais no estranxeiro. Si recolleron os seus galardóns os premiados e premiadas con accésits. En ADE, un dos accésit foi para Leandra Caro, por un traballo titulado O mercado das criptomoedas. Análise de rendibilidade e risco, dirixido por Mercedes Mareque e Jesyca Salgado. Nel analiza as dez criptomoedas con maior capitalización en bolsa, concluíndo que Bitcoin continúa sendo a principal neste mercado e que Stellar “amosa indicios de ser a máis rendible no futuro”. Tamén sinala a egresada como este mercado “segue sendo moi volátil cun risco elevado de investimento”. Outro dos accésits en ADE foi para Miguel Outeiriño polo traballo Análise da sostibilidade do sistema de pensións español. Factores explicativos e alternativas de viabilidade futura, dirixido por Juan Pintos. Na súa análise indica como “os factores que empuxan ao sistema ao desequilibrio son maioritariamente o factor demográfico e o elevado grao de xenerosidade do sistema”. “A reforma é inevitable, e canto máis tempo tarde en realizarse, máis traumáticos serán os seus efectos”, indica o autor no seu traballo. En Turismo, concedeuse un accésit a Ana García, polo traballo Enfermidade celíaca e turismo. Unha análise desde a perspectiva da demanda, dirixido por Pablo de Carlos Villamarín. Nel “pretende dar a coñecer a realidade dos turistas celíacos” e “poñe de manifesto as dificultades ás que teñen que facer fronte na actualidade”.