DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun estudo impulsado pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera)

A EE Forestal avalía coa Xunta o impacto da crise da COVID-19 na industria da madeira

A través dun cuestionario dirixido ás empresas do sector

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/05/2020

Coñecer os efectos que a crise da COVID-19 tivo na produción e facturación das empresas que integran a industria forestal galega, pero tamén as medidas que se viron obrigadas a implantar durante o estado de alarma, os problemas e ameazadas detectadas e as súas expectativas de cara aos próximos meses. Estes son os obxectivos do estudo que desenvolven a Escola de Enxeñaría Forestal e a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta, co propósito de levar a cabo unha “diagnose” de como esta crise está a afectar a “un sector económico importante para Galicia, que vai ser clave para o futuro, pero que no presente pode ter dificultades”, como sostén Juan Picos, director da EE Forestal.

Como explica, esta análise xurdiu a proposta da Axencia Galega da Industria Forestal, coa que EE Forestal elaborou conxuntamente un cuestionario que, ata a data, permitiu reunir xa a información de “varias decenas de empresas”. Esta análise abrangue ás empresas dos distintos “subsectores que forman a cadea de valor da madeira”, desde a corta ás “últimas transformacións”, deixando fóra a xestión forestal e o propósito é que o informe que, cos datos obtidos, se elabore desde a escola permita coñecer tanto “cales son os problemas máis graves que están tendo” como as súas percepcións respecto do futuro máis inmediato. Deste xeito, búscase coñecer tanto “como variou o que tiñan previsto facturar nestes dous meses con respecto ao que realmente facturaron”, como as súas expectativas do que poderían facturar no conxunto do 2020, así como que as propias empresas identifiquen “os problemas que cren que van ter, se serán de tesourería, de falta de pagamentos, de falta de demanda, de financiamento...”, engade Picos. Así mesmo, o estudo busca coñecer tamén as medidas adoptadas polas empresas por mor desta crise e os cambios que provocou na súa actividade, desde se precisaron mudar quendas ou espazos de traballo, á relación con provedores e clientes ou o papel do teletraballo nun eido no que, recoñece, este é difícil de implantar máis aló “da parte administrativa ou comercial”. 

Do mesmo xeito, o estudo, que se atopa en fase de recollida de información, permitirá tamén analizar se existen diferencias no impacto provocado pola crise en función “dos subsectores, o tamaño das empresas ou os seus mercados”, á vez que o informe resultante servirá a Xera para “ver que iniciativas se poden poñer en marcha”. Nese senso, Picos valora que a axencia, coa que a EE Forestal xa colaborara no deseño da Axenda de Impulso da Industria Forestal, “entenda que unha escola como a nosa, máis aló de formar e investigar, cumpre tamén ese papel de dar soporte a outras institucións”.

Un sector sensible ao golpe, pero con futuro

Con independencia dos resultados da diagnose, Picos incide en que “a industria da madeira en xeral, está moi correlacionada” co incremento ou descenso do PIB, por tratarse dunha industria “relacionada coa maior parte dos sectores e a maior parte dos consumos”. O previsible entón é que sexa un “sector moi sensible ao golpe” e no que “o impacto vai ser grande”, con independencia de que algún segmento concreto que puidese ter mantido ou mesmo incrementado a súa actividade. Mais, ao mesmo, o director da EE Forestal pon o acento en que se trata dunha industria “que é capaz de recuperarse cando ten condicións e de facer que outros sectores ao seu redor se recuperen con el”. 

De feito, “independentemente do primeiro impacto”, a da madeira pode ser tamén unha industria con oportunidades no escenario posterior á crise da COVID-19. “Todo apunta a que vai ser un sector fundamental, grandes consultoras están falando xa do relevante papel desta industria no que chaman a nova normalidade”, salienta Picos. En primeiro termo, por tratarse dunha industria “capilar noutros moitos sectores estratéxicos”, como amosa o exemplo de que un moitos dos produtos sanitarios que tiveron unha alta demanda nesta etapa, como as mascarillas, “estean fabricados a partir de derivados da madeira”. Pero tamén, pola importancia que pode xogar para dar resposta ás “novas necesidades”, como “a readaptación de espazos” como centros de traballo ou superficies comerciais. A isto súmase ademais a importancia que o sector tiña xa á hora de “transitar cara unha sociedade máis amigable desde o punto de vista ecolóxico” e o feito de que os “produtos de base natural, biodegradables e con orixe e transformación local van estar tamén no centro das necesidades”. De aí que Picos incida en que ser capaz de manter un sector “formado por unha rede de pequenas empresas interconectadas” pode constituír para Galicia unha “vantaxe competitiva” no futuro.