DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Polo traballo Aula aberta á TecnoCiencia, un espazo lúdico para estudantes de secundaria

A EE de Minas e Enerxía consegue un novo galardón no concurso internacional Ciencia en Acción

Cada ano participan neste talleres divulgativos arredor de 1000 estudantes procedentes de toda Galc

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Investigación
D. Besadío DUVI 13/07/2020

2016, 2018 e 2020. Unha edición máis, e xa van tres, o concurso internacional Ciencia en Acción volve premiar unha iniciativa de divulgación científica posta en marcha desde a Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía da Universidade de Vigo. Nesta ocasión concedéronlle a Mención de Honra na modalidade Ciencia e Tecnoloxía ao traballo Aula aberta á tecnociencia: ciencia e tecnoloxía ao alcance de tod@s, iniciativa impulsada por José Santiago Pozo, María Araújo, Raul Figueroa, Iván Garrido, Roi Otero, David Patiño, Raquel Pérez e José Benito Vázquez e que consiste nunha serie de talleres divulgativos para estudantes de secundaria e bacharelato no que cada ano participan arredor de 1000 estudantes de distintos puntos da xeografía galega.

Os talleres amosan o lado máis motivador e atractivo da ciencia e a tecnoloxía que se fai nesta escola

“Para nós este premio é un recoñecemento non só do investimento económico que fai a escola en organizar esta aula todos os anos, senón, o que é máis importante, da implicación dos nosos docentes, persoal investigador e alumnado”, explica o subdirector da escola José Santiago Pozo, ao que engade que dende que o centro comezou con esta actividade, no curso 2018-2019, a implicación do persoal e do alumnado co proxecto foi total. “A xente estivo sempre dispoñible para organizar cada un dos módulos e poder adaptar os seus horarios ás peticións que recibimos dende os centros de educación secundaria, formación profesional e colexios de toda Galicia. En función dos horarios requiridos polos centros, os nosos profesores, investigadores e alumnos teñen que adaptarse”, recalcou o subdirector, ao que engadiu que esta aula é unha extraordinaria forma de dar visibilidade aos plans de estudos e as saídas profesionais dos titulados do centro, xa que estes módulos baséanse en conceptos ensinados nas súas aulas,  aspectos relacionados con novos materiais, xeotecnoloxía, xeomecánica, física, etc.

A idea de presentarse ao certame chegou da man do profesor José Benito Vázquez, exdirector da escola, quen posúe unha ampla experiencia en labores de divulgación científica e cuxos traballos xa foron premiados en anteriores edicións por este concurso. “El propúxonos a idea e rápidamente nos puxemos mans á obra”, explica o subdirector da escola. Finalmente optaron por plasmar nun vídeo de menos de tres minutos en que consiste a aula e o tipo de actividades que nela se levan a cabo: seis módulos demostrativos, de 1,5 horas de duración cada un, baseados en aplicacións da ciencia ao ámbito da enxeñaría e vinculados a oferta I+D+i+T do centro: combustión, topografía con realidade aumentada, visión infravermella, física  re-creativa, febre dos materiais e enxeñaría do terreo. “Os contidos técnicos-científicos adáptanse aos criterios de avaliación e estándares de aprendizaxe dos visitantes, proporcionando información adicional ao profesorado interesado para que poidan desenvolver moitas destas actividades”, explica Pozo.

Esta non é a primeira vez que a UVigo se fai un oco nestes premios

Ciencia en Acción é un concurso internacional dirixido a estudantes, docentes, investigadores e divulgadores da comunidade científica en calquera das súas disciplinas e o seu principal obxectivo é presentar a ciencia dunha maneira atractiva e motivadora, de modo que tanto a mocidade como o gran público se interesen por ela e ao longo do concurso poidan aprender e divertirse atendendo ás conferencias, observando e participando na feira, compartindo as súas experiencias, etc.

No caso da Universidade de Vigo, xa quedara finalista neste concurso en 2016 na modalidade de Física e Sociedade coa Semana da Ciencia, unha proposta de divulgación organizada na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía durante 10 anos. A maiores, tamén nesa edición, a web Actividades manipulativas en liña para a aprendizaxe da Física nos graos en enxeñaría, impulsada polo grupo de innovación docente de Aprendizaxe Manipulativo da Física liderado por Vázquez Dorrío, recibira a Mención de Honra na modalidade Materiais didácticos de ciencias en soporte interacivo (Premio IBM). Xunto a estes dous recoñecementos, nesta edición do concurso tamén se trouxera para Vigo outra Mención de Honra, neste caso na modalidade Traballos de divulgación científica. Libros, revistas e redes sociais ao traballo Ciencia que Conta, impulsado polos profesores da UVigo Pío Manuel González, Eduardo García, Julia Serra, Stefano Chiussi e Paulino Pérez, “por ser un concurso de relatos científicos de gran participación e cun claro compromiso da comunidade escolar galega e as súas familias pola ciencia”.

Xa en 2018 o concurso outorgoulle o 1º premio Ex Aequo ao traballo  Uno de los interferómetros más sencillos del mundo: nanotecnología de salón, impulsado tamén polo profesor José Benito Vázquez e no que presentaba unha experiencia manipulativa que buscaba xustificar a existencia das cores secundarias da síntese aditiva de cores (cian-maxenta-amarelo, CMY) nunha pompa de xabón, como exemplo do fenómeno de intereferencia con luz blanca.