DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora de EphysLab Marisela Des ofreceu unha conferencia na Ecimat

O efecto do cambio climático sobre os organismos vivos nas rías baixas centra un novo relatorio do Café con Sal

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 03/03/2020

Baixo o título How will climate change affect living organisms in the Rías Baixas? a investigadora predoutoral do grupo  EPhysLab (Environmental Physics Laboratory, CIM-UVigo) Marisela Des Villanueva ofreceu este mediodía un relatorio dentro do ciclo Café con Sal, no que presentou a aplicación do modelo numérico Delf3D á costa noroeste da península ibérica, explicando as fontes de datos, o seu funcionamento e a súa aplicación para determinar o comportamento do afloramento ante o cambio climático. Dirixida pola investigadora Maite de Castro (Ephyslab, CIM-UVigo), Marisela Des está a desenvolver a súa tese de doutoramento dentro do programa DO*MAR, co obxectivo de aplicar o modelo Delft3D nas Rías Baixas e na costa adxacente para poder analizar a hidrodinámica da área e os efectos do cambio climático sobre os organismos que viven nela. Ao abeiro do proxecto MarRisk, EPhysLab, en colaboración coa Universidade de Aveiro (Portugal) e a Universidad Rey Juan Carlos, estuda como o cambio climático pode afectar aos organismos vivos das Rías Baixas, utilizando o modelo numérico Delft3D.

Durante o seu relatorio, no que o público asistente encheu a sala, Marisela Des presentou os resultados de varios estudios realizados en colaboración con outras entidades, nos que determinaron a resposta do crecemento do mexillón  e a evolución da distribución de dúas especies de macroalgas (Himanthalia elongata e Bifurcaria bifurcata) coas temperaturas e a estratificación estimada polo modelo para finais de século.