DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Belas Artes triunfa de novo nos galardóns aos mellores TFG de España

A egresada Miriam Quintáns gañou o II Premio Talento Artístico ACF

Entre as galardoadas figura tamén a titulada Mireia Bruguera

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 12/11/2019

Máis dun cento de traballos de fin de grao (TFG), defendidos en diferentes universidades españolas concorreron á segunda edición do Premio Talento Artístico Ahorro Corporación Financiera (ACF), un certame que, ao igual que na súa primeira edición, volveu recoñecer o talento do alumnado formado na Facultade de Belas Artes do campus pontevedrés. Percepción branca. Investigación do mínimo xesto e a máxima expresión, a obra que constitúe o TFG da egresada deste centro Carmen Quintáns, foi seleccionado polo xurado como gañadora dun primeiro premio, dotado con 6000 euros, dun certame que ten por obxectivo visibilizar aos artistas emerxentes de España. Así mesmo, estes galardóns tamén recoñeceron, cun segundo premio, a obra 0836-36002, Destinatario-Remitente, da tamén titulada en Belas Artes e alumna do máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda Mireia Bruguera.

“Recibo este premio con moita ilusión. É un empurrón”, recoñece Quintáns do galardón que a pasada semana recibiu na Galería Alcolea de Madrid, coincidindo coa inauguración da exposición que reúne as 16 obras finalistas do certame. “Segue parecéndome complicado enfrontarme a unha posible carreira artística” recoñece esta titulada quen ve este o feito de que “houbese xente interesada polo traballo” como “algo que me anima a continuar producindo”. Co catedrático Jesús Hernández como titor, o TFG que Quintáns defendeu o pasado mes de xullo tiña como eixo unha investigación sobre como, partindo “dun modo de facer pintura” aínda definido por “certas referencias figurativas”, podía chegar a un xeito de pintar que implicase “a mínima pegada no soporte”. Con estas premisas, a artista deu forma a unha cuadrícula que reúne unha serie de debuxos sobre papel e fotografías, na que contrapón as imaxes “máximas e mínimas” xeradas a partires dunha mesma realidade, así como bocexos previos á representación final; cuadrícula que presentou acompañada de catro cadros de gran formato, marcados todos eles polo protagonismo que outorga á cor branca.

Por segundo ano, Vigo lévase dous dos tres premios

Xunto ao traballo de Quintáns, o xurado deste II Premio Arístico ACF recoñeceu con dous segundos premios, dotados con 3000 euros, os proxectos de Mireia Bruguera e da titulada da Universidad Miguel Hernández Virginia Jordá. Tomando como punto de partida “o conflito” que implica habitar un espazo, Bruguera fixo uso en 0836-36002 Destinatario-Remitente da técnica do gofrado do papel para dar forma a unha réplica a escala real da súa habitación, que converteu á súa vez nunha “matriz para a extracción de moldes”. A partires destes, Bruguera deu forma para a un “libro-mapa-atlas”, que lle permitiu afondar non só “na idea de reproducir un espazo propio”, senón tamén, explica, “imaxinar novas posibilidades de lectura". Como "un empurrón para seguir traballando" sinala tamén esta artista e alumna o premio que obtivo neste certame, que supuxo tamén "unha valoración do meu traballo que non agardaba recibir" . Bruguera sinala así mesmo como o feito de que "xente allea á universidade" avaliase dun xeito positivo o seu proxecto facía tamén que este lograse tamén unha das súas intencións iniciais, "que era facer partícipe dalgún modo a quen o ve dun proceso de traballo moi persoal".

Organizado por ACF, coa Universidad Francisco de Vitoria como coordinador académico, o Premio Talento Artístico xa premiou na súa primeira edición, o pasado ano, as creacións de dous titulados pola Universidade de Vigo, Iago Fontoira, gañador do primeiro premio, e Diego del Rio, que obtivo un dos dous accésits. Nesta segunda edición deste certame interuniversitario, do que o xurado destacou o elevado índice de participación, tamén foron seleccionados como finalistas outros dous traballos de fin de grao defendidos na Facultade de Belas Artes, Composición de presentes, de Sara Pena, e Cordis, de Adelaida Brandón, o que fai que a Universidade de Vigo sexa a que conte con maior número de representantes na exposición que ata este domingo 17 pode contemplarse na Galería Jorge Alcolea.

Premio Compostela Ilustrada

Aos recoñecementos acadados por Quintáns e Bruguera sumouse tamén os últimos días o galardón que a alumna de doutoramento da facultade Manuela Elizabeth Rodríguez (MeliMolita) acadou na segunda edición do Premio Compostela Ilustrada. Captar o ambiente da compostelá rúa do Vilar nun bosquexo ou ilustración foi o reto que a organización propuxo aos e ás participantes nesta iniciativa, que se levou a cabo o pasado xoves no marco das actividades de Compostela Ilustrada. “O premio supón moita alegría”, recoñece Rodríguez do galardón que lle entregaron este domingo tras recibir o recoñecemento unánime dun xurado integrado “por artistas de diferentes estilos e partes do mundo”. Nun traballo que debía realizarse nunha única tarde, tratou de captar “o ambiente de chuvia de Santiago e a multitude de persoas diferentes que pasan sempre polas súas rúas”, explica Rodríguez, que salienta nese senso “o interesante de debuxar in situ”, xa que “sempre sorprende o que pasa por diante de ti”.