DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Encontros Universidade-Empresa

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
D. Besadío DUVI 21/06/2019

Grupo PSA, Tespa Ingeniería,  Borgwarner Emissions Systems Spain, Grupo Marsan, Aurea TIC, Grupo Copo, Ac Systems, Europrecis Galicia… Os III Encontros Universidade Empresa reuniron na sala 1 do edificio Miralles a participantes de máis de vinte empresas do sector da automoción e das principais asociacións profesionais, entre elas Asime, CTAG e CEAGA con investigadores e investigadoras, sobre todo das escolas de enxeñaría, pero tamén de áreas transversais como comunicación ou estatística. “Este terceiro encontro foi no que se implicaron máis empresas, algo que xa esperabamos, xa que o tecido empresarial que temos na nosa contorna está moi centrado na automoción e, ademais, é moi forte”, explicou a vicerreitora de Transferencia, Mª Consuelo Pérez, que estivo acompañada na clausura da xornada polo delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, e polo director xeral do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, CTAG, Luis Moreno.

“Este tipo de encontros son un bo exemplo de que transferir ás empresas desde a Universidade é transferir á sociedade”, recalcou Regades, que fixo fincapé en que “temos que pornos as pilas para seguir e recuperar o peso que sempre tivo a cidade de Vigo no mundo da automoción”, recalcou o delegado, que lamentou o forte peso que ten China na actualidade en todo o relacionado co desenvolvemento do coche eléctrico. “Se algo nos ten que quedar claro desde tipo de xuntanzas é que hai funcións que se teñen que facer desde os centros tecnolóxicos, outras desde a propia empresa privada, e outras desde a parte pública, e entre todos temos que ser capaces de ser complementarios”, recalcou Regades.

A Business Factory Auto, como exemplo de emprendemento 

Ademais das mesas de traballo, que se prolongaron ata ben entrado o mediodía, o encontro celebrado este venres incluíu tamén unha pequena presentación da Business Factory Auto (BFA), unha iniciativa posta en marcha no ano 2016 pola Xunta de Galicia, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, o Grupo PSA e o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA) co obxectivo de promover e apoiar o emprendemento e a innovación na industria de automoción en Galicia. Encargáronse de facer a presentación Jorge Gomara, de CEAGA; José Ramón Sánchez, da empresa Denso; Damien Delebecque de PSA; Juan Martín, de Situm, e Gonzalo Piñeiro de Nort3D. Os tres fixeron un balance moi positivo desta iniciativa, que, segundo indicaron, xa se está a converter en clave para o sector en Galicia, xa que nas tres convocatorias lanzadas ata a data, presentáronse máis de 130 proxectos e creáronse 35 empresas innovadoras que cubriron diferentes ocos na cadea de valor, principalmente relacionados coas novas tecnoloxías da industria 4.0, como a impresión 3D ou a visión artificial.

Mª Consuelo Pérez: “O feedback que estamos a ter é moi positivo”

Finalizada xa a terceira edición destes encontros –o primeiro celebrouse no mes de abril e centrouse no sector da alimentación e o segundo, o pasado mes de maio, no naval- desde a Vicerreitoría de Transferencia fan un balance moi positivo desta experiencia. “É un éxito non da vicerreitoría, senón de toda a sociedade. Que todo o sistema de innovación se implique nos encontros e apoie á Universidade neste tipo de iniciativas quere dicir que a xente se está a dar conta de que isto é o que funciona e o que debe de ser”, recalcou a vicerreitora, que fixo tamén fincapé en que “o feedback que estamos a ter é moi positivo”, xa que, polas impresións que lle están a chegar é que a todos os e as participantes lles gusta este tipo de encontros nos que as empresas se dan conta da enorme capacidade que teñen os grupos de investigación da Universidade e nos que os centros tecnolóxicos comezan a ver á Universidade como compañeira de camiño, “e non como adversaria ou contrincante á hora de competir por uns mesmos fondos”, recalcou Pérez.