DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola superior é un dos centros habilitados para que acudan as persoas inscritas

Enxeñaría Informática abrirá as súas portas para participar na Hash Code 2019 de Google

O obxectivo é fomentar a interacción entre os equipos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 20/02/2019

Desde 2015, Google convoca anualmente un concurso de programación chamado Hash Code no que convida a resolver en pequenos equipos un gran reto de enxeñaría. Nesta edición, que se celebrará o 28 de febreiro, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense será dos Hash Code Hubs habilitados en Galicia polo que as persoas inscritas poderán acudir ás súas instalacións para participar desde alí no certame.   

Hash Code, explican desde a organización, é un concurso de programación en equipo, organizado por Google, para estudantes e profesionais de todo o mundo. As e os participantes elixen o seu equipo e linguaxe de programación e Google selecciona un problema de enxeñaría para que o resolvan nunhas horas. A edición deste ano iníciase cunha competición en liña, onde cada equipo, formado por entre dúas e catro persoas, pode competir desde calquera lugar, incluído un dos centros elixidos como Hash Code Hubs. Os mellores equipos serán convidados a unha oficina de Google para competir na rolda final.

Punto de encontro

“Google fai diferentes competicións a nivel mundial nas que ao final o que está buscando é captar talento, desenvolvedores de código que destaquen. Neste caso propón un reto de programación que a xente ten que solucionar en equipo en catro horas”, comenta Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Este ano, apunta, o centro solicitou a Google ser un dos seus Hash Code Hubs, presentando unha solicitude na que explicaban o carácter da entidade e as súas instalacións e que foi finalmente aceptada.

Deste xeito, á hora de inscribirse na páxina do certame as persoas que o desexen poden adscribirse á Escola Superior de Enxeñaría Informática e vir a competir a ela na tarde do día 28 de febreiro. O prazo para inscribirse está aberto ata o día 22 de febreiro. “Disporemos dunha sala grande onde conectaremos con Google, para seguir o certame, e incluso co outro hub galego que participa, para compartir con eles a experiencia e interaccionar”, comenta Francisco Javier Rodríguez. Aínda que aconsellan a cada participante traer o seu propio portátil para dispoñer dun equipo xa configurado ao seu criterio, desde o centro tamén habilitarán unha sala con ordenadores para aqueles que queiran facer uso deles.   

Competir divertíndose

“O obxectivo é facilitar a participación neste evento, ser un punto de conexión. Poderías facer este reto desde a casa pero o que fomenta Google é que haxa sitios onde os equipos se coñezan, interactúen… non deixa de ser unha festa de promoción da programación”, comenta o director de Enxeñaría Informática. O reto que propón Google, sinala Francisco Javier Rodríguez, é un reto creativo que non o pode resolver unha soa persoa e cuxa resolución non ten que ser obrigatoriamente numérica. “Eles avalían a creatividade, como se afronta o reto... e de feito ata o 5 de marzo non se dan os resultados do certame”, apunta.  

A idea de presentar a candidatura para ser nodo desta competición, comenta Francisco Javier Rodríguez, xurdiu porque “é unha forma de visibilizar o labor que fai a xente que traballa en enxeñaría informática”. Ás e aos participantes, detalla, “dálles a oportunidade de amosar as súas capacidades aínda que non gañen e permítelles pórse a probar, autoavaliarse afrontando un reto creativo e nun ambiente lúdico e de competición sa”. Tento en conta estas características, apunta o profesor, desde o centro están fomentando a participación en Hash Code 2019 do seu alumnado, “para que vexan que as accións da nosa profesión tamén teñen repercusión”, pero tamén de profesionais xa que, lembra, “é interesante que o noso alumnado se relacione con xente que xa está na empresa”.