DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os investigadores Luis Gimeno e Raquel Nieto lideran esta participación

Ephyslab incorpórase ao grupo de traballo sobre vapor de auga na atmosfera da Axencia Espacial Europea

O Water Vapour CCI pretende xerar novos rexistros globais de datos climáticos de alta calidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 08/06/2020

O Environmental Physics Laboratory CIM-UVigo (Ephyslab), vén de incorporarse recentemente ao grupo de traballo sobre vapor de auga na atmosfera da Axencia Espacial Europea. Formado por once equipos de investigación de Reino Unido, Alemaña, Francia, Bélxica e Canadá, o Water Vapour CCI pretende xerar no seu eido novos rexistros globais de datos climáticos de alta calidade considerando que “o vapor de auga é fundamental para comprender o cambio climático pasado, presente e futuro e para determinar os seus impactos globais e rexionais”.  

Desde a súa sede no edificio do Campus da Auga do campus de Ourense, o equipo de Ephyslab que participará neste consorcio está liderado por Luis Gimeno e Raquel Nieto e completado polo investigador de postdoutoramento Jorge Eiras. Segundo explican desde o grupo de investigación, o Water Vapour forma parte da Climate Change Inicitive (CCI) da Axencia Espacial Europea, cuxo obxectivo é “realizar a mellor base de datos global de observación terrestre a longo prazo que a Axencia Espacial Europea, xunto cos seus estados membros estableceron nos últimos 40 anos, como unha contribución significativa ás bases de datos requiridas pola Convención das Nacións Unidas para o Cambio Climático”. 

Avaliar os datos 

No contexto da Climate Change Inicitive, sinalan desde Ephyslab, “o obxectivo último da Water Vapour é xerar novos rexistros globais de datos climáticos de alta calidade de vapor de auga na atmosfera, que sexan homoxéneos no espazo e no tempo, e que cumpran os requisitos do Global Climate Observing System e respondan do mellor xeito posible ás necesidades dos usuarios da comunidade de estudos sobre o clima”. Este grupo tamén “optimizará a resolución temporal e espacial destes rexistros de datos con respecto ás limitacións avaliadas dos sistemas de observación dispoñibles e cuantificará incertezas útiles para os usuarios finais”. Ademais, o Water Vapour CCI tamén ten como reto analizar a variabilidade climática e as tendencias do vapor de auga atmosférica en diferentes escalas temporais e a coherencia entre observacións e expectativas teóricas, co fin de avanzar na comprensión científica da importancia de vapor de auga no sistema climático e para apoiar servizos climáticos.

O papel concreto de Ephyslab no Water Vapour CCI consistirá en avaliar “os datos de vapor de auga xerados por outras membros do consorcio para caracterizar o perfil de humidade transportada polos ríos atmosféricos e os chorros de baixo nivel, sistemas meteorolóxicos nos que temos unha ampla experiencia”. Así, lembran Gimeno e Nieto, “dende hai máis dunha década traballamos para comprender o transporte do vapor de auga na atmosfera, estudando o seu comportamento medio e os seus extremos”. Froito desta experiencia, indican, o seu grupo foi proposto para entrar a formar parte do Water Vapour. “Para nós é unha experiencia moi positiva e gratificante poder ligar o noso traballo á validación desta nova base de datos de vapor de auga, xa que todos os datos deben ser validados e contrastados para poder ser liberados á comunidade científica e ser usados para novas investigacións”, comentan os investigadores de Ephyslab. A creación de bases de datos a partir de satélites, matizan, “non é noso campo de traballo, pero si o seu uso de diferentes xeitos. Nos últimos anos as nosas investigacións están enfocadas á rama do ciclo hidrolóxico na atmosfera e polo tanto somos coñecedores do manexo dos datos de vapor de auga”.

Compoñente clave do ciclo hidrolóxico terrestre

O vapor de auga na atmosfera, comentan Luis Gimeno e Raquel Nieto, “é un compoñente clave do ciclo hidrolóxico terrestre, crítico para dar forma ao ambiente global e apoiar a vida na terra tal e como a coñecemos”. O vapor de auga, engaden, tamén ten un papel fundamental na restrición do equilibrio enerxético da terra. “É o único gas natural de efecto invernadoiro máis importante da atmosfera e constitúe unha forte retroalimentación positiva fronte ao clima modificado antropoxenicamente polo exceso de dióxido de carbono”, comentan os investigadores. É debido á súa importancia, que o Global Climate Observing System identificou o vapor de auga como unha variable climática esencial, recalcan os expertos de Ephyslab. 

Porén, explican os investigadores do campus de Ourense, “as propiedades da distribución de vapor de auga atmosférica da terra desafían non só a investigación climática, senón tamén a ciencia da observación da terra, desde o desenvolvemento de instrumentos ata as ciencias que os recupera e os utiliza”. Neste marco de traballo, apuntan, o proxecto Water Vapour CCI da Axencia Espacial Europea ao que se unen agora “axudará a consolidar o coñecemento dos cambios pasados derivados das observacións de satélites e a establecer rexistros de datos climáticos para o seu uso na investigación climática”.