DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os ourensáns acadaron un marcador de 39-12 fronte ao Bathco RC

O equipo de rugby do campus perde fronte ao líder de grupo

As xogadoras de baloncesto gañaron a Forbe Seis do Nadal

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Cultura
DUVI Ourense 11/02/2019

O Campus Universitario Ourense Rugby Club perdeu este domingo o encontro de liga disputado contra o Bathco Rugby Club. Os malos resultados tamén acompañaron aos equipos de xadrez do campus. A nota positiva da fin de semana foi a vitoria das xogadoras de baloncesto fronte ao Forbe Seis do Nadal.

Rugby, baloncesto e xadrez

Na súa visita ao Bathco Rugby Club, líder de grupo, os ourensáns acadaron un resultado de 39-12 nun partido marcado pola mala climatoloxía. Esta derrota obrígalles a baixar ao quinto posto do grupo A da división de honra B do rugby estatal, despois de varias semanas ocupando o cuarto.

Polo que respecta ao baloncesto, o Universitario Campus de Ourense feminino visitou este sábado, día 9, o campo do Forbe Seis do Nadal, acadando unha vitoria por 61-69 que mantén ás xogadoras no segundo posto da primeira división autonómica feminina de baloncesto.

Na terceira xornada da Liga Galega de Xadrez os equipos do campus obtiveron malos resultados nos encontros disputados. Na primeira división perderon 2,5-1,5 en Marín contra Ence Xadrez Marín, con vitoria de Manuel Álvarez, táboas de César Pérez e derrotas de Lino Hermida e José Jaime González-Viso. Na segunda división, o Universitario de Ourense empatou en Lalín contra Clínica Deza-Escola Lalín, con vitoria de Marcos Reza, táboas de José Javier Lamas e Laura Martínez e derrota de Miguel Reza. Na terceira división o representante do campus sumou unha derrota por 4-0 en Verín contra Xadrez Verín C.