DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As categorías de baloncesto arrancan con derrotas a competición

O equipo de rugby gaña a Eibar RT e sube ao cuarto posto da táboa

O sábado celebrouse a primeira das rutas culturais deste curso

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 21/10/2019

Unha vitoria en rugby e dúas derrotas en baloncesto. Estes son os principais resultados da actividade deportiva dos equipos do campus de Ourense desta fin de semana. Ademais, a programación de rutas culturais deste curso académico arrancou cun percorrido sinxelo pola beira dos ríos Tea e Miño, entre Galicia e Portugal.  

Competicións

Na quinta xornada da división honra B do rugby estatal, o Campus Universitario Ourense sumou unha nova vitoria, neste caso contra Eibar RT por 26-39. Foi, indican desde o club, “un partido moi disputado por parte de ambos equipos con frío, vento e choiva sen parar nos 80 minutos”. A primeira parte, detallan, acabou igualada cun marcador de 21-17 e xa, na segunda parte, un “moi bo traballo de dianteira e tres cuartos” decantaron o partido a favor dos ourensáns. Con este resultado, o equipo sube do quinto ao cuarto posto do seu grupo. Tamén en rugby, a categoría feminina perdeu contra Ferrol RC por 21-10 e a sénior gañou 31-12 ao Barbanza RC.

Tamén esta fin de semana, os equipos de baloncesto do campus comezaron na casa a competición con cadansúa derrota pero “con boas sensacións”. A categoría masculina do Universitario Campus Ourense perdeu na primeira división masculina por 72-78 contra Maderas Zamar EDM A Estrada. Xa na primeira división autonómica feminina, o representante do campus de Ourense perdeu 58-65 contra CLB.

Primeira ruta do curso

Por último, o sábado 19 de outubro arrancou a programación deste curso académico das rutas culturais, organizadas pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. A primeira das once andainas previstas tivo como título Ruta dous ríos, dous países. Monçao (Portugal) e foi un percorrido sinxelo pola beira dos ríos Tea e Miño.