DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CC da Educación e do Deporte acolle a cuarta edición dun curso de iniciación nesta disciplina

A escalada consolídase na oferta formativa do campus

O seu obxectivo é dotar aos asistentes de autonomía para a práctica deste deporte

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 10/05/2019

En Tokio 2020, a escalada será por primeira vez deporte olímpico, o que está contribuíndo a que cada vez sexa maior o número de persoas interesadas en iniciarse nesta práctica deportiva. Dotar aos e ás asistentes das nocións necesarias para poder practicar a escalada con autonomía é o obxectivo do curso de iniciación á escalada en rocódromo que, no marco da programación de obradoiros da Vicerreitoría do campus para este segundo cuadrimestre, desenvolve nestas semanas a súa cuarta edición. Alumnado de diferentes titulacións do campus e tamén estudantes chegados desde Vigo e Ourense participan na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte nun taller de 30 horas, no que, como explica o monitor José Juan Domínguez, “o alumnado parte de cero coñecementos e que está estruturado para que, unha vez finalizado, sexas completamente autónomo na práctica da escalada deportiva”.

Aberto a un máximo de 15 persoas, o curso está dirixido polos profesores da facultade Águeda Gutiérrez e Diego Alonso, contando tamén como docentes con José Juan Domínguez, técnico de escalada e guía de montaña; e co técnico de deportes e director da Escola Galega de Alta Montaña, David Pérez Araújo, quen se encargou de abordar co alumnado os aspectos relativos a organismos federativos e seguros de escalada. “Normalmente os cursos de iniciación desenvólvense en dous días, con 16 horas lectivas, polo que este obradoiro permítenos abordar máis contidos e que os alumnos poidan practicar máis e saian coas manobras máis asentadas”, salienta Domínguez dun taller que, pon principalmente o foco no aspecto máis relevante da escalada, a seguridade. “Hai que ter en conta que é un deporte de risco, no que a seguridade depende do compañeiro que está abaixo, polo que o curso está moi dirixido ás manobras de seguridade, porque despois o que é o nivel físico vai vir un pouco coa práctica e o adestramento, como en calquera outro deporte”, engade Domínguez dun taller que nese senso proporcionou en primeiro termo ao alumnado un “coñecemento previo sobre o material”, para logo ir progresivamente “introducíndoos no manexo desta material, sempre con cordas de seguridade”.

Coñecer as normas e técnicas básicas de seguridade e como aplicalas durante a progresión na parede, os tipos de ancoraxe fixos ou a técnica xestual básica, así como as regras básicas de escalada relativas a posición  do corpo, centro de gravidade e puntos de apoio integran nese senso os contidos dun curso de carácter fundamentalmente práctico, como explica Gutiérrez. “No campus temos unhas instalacións moi boas e a escalada é un contido que está gañando moita importancia, tamén a nivel educativo”, engade a codirectora dun curso que contribuíu, apunta, que participantes en anteriores edicións “sigan escalando”, xa como deportistas federados, “o que para nós é unha satisfacción”.

Un achegamento ás modalidades olímpicas

Estruturado en cinco sesións, os e as participantes no obradoiro puideron tamén coñecer unha das tres modalidades que integrarán a competición olímpica en 2020, o boulder, que se desenvolve sen cordas, na parte baixa dos rocódromos, na que as e os participantes teñen que ir resolvendo unha serie de “problemas que implican patróns de movemento bastante complicados”. Trátase, como sinala Domínguez, da “modalidade da escalada que ten máis auxe en España, porque é moi accesible e participativa e non ten ese problema da xestión do medo as alturas”; unha modalidade que xunto coas de velocidade e de dificultade, ambas en altura, integrarán a proba olímpica. Deste xeito, búscase tamén que as e os participantes “poidan tamén saír do curso cun coñecemento amplo do que é a escalada deportiva”, á vez que permite que “estean gañando patróns de movemento e técnicas xestuais sen darse conta”.

Continúa aberta a inscrición nos cursos de verán

Este obradoiro de iniciación escalada é unha das propostas formativas abertas a toda a cidadanía impulsadas pola Vicerreitoría, como tamén os son os cursos de verán que manteñen nestas semanas aberto o seu prazo de inscrición. Cun total de 340 prazas, na programación insírense propostas como Marcha nórdica. Exercicio físico, terapia e deporte, que terá lugar en Ciencias da Educación e do Deporte, onde en xuño tamén se desenvolverán os cursos A análise do rendemento para a prescrición de exercicio físico para a saúde e o rendemento e Ensinar ciencias con programación, robótica e encerado dixital interactivo. Tamén o vindeiro mes, Belas Artes acollerá o taller Facendo físico o intanxible. Introdución á impresión dixital tridimensional, mentres que, no marco desta programación, o auditorio de Catoira será en xullo a sede do curso Vida saudable da muller ao longo do seu ciclo vital. Por último, esta programación completarase en setembro co Curso de QGIS. Estudo e análise e caracterización dos recursos e ecosistemas naturais e partir dos Sistemas de Información Xeográfica (GIS), na EE Forestal, e co curso Experiencias de éxito en publicidade e relacións públicas de Pemas galegas, en CCSS e da Comunicación.