DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto Sirma está financiado pola UE con preto de 2 millóns de euros

Especialistas de cinco países debaten como mellorar a resistencia das principais infraestruturas atlánticas de transporte

Buscan un sistema capaz de anticipar e mitigar os efectos de eventos naturais extremos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
D. Besadío DUVI 14/01/2020

Arredor de 40 especialistas chegados de cinco países (Reino Unido, Irlanda, Francia, Portugal e España) están a participar este martes na sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial no obradoiro de lanzamento do proxecto Sirma, un traballo financiado pola Unión Europea con preto de dous millóns de euros e que ten como principal obxectivo a creación dun sistema ou conxunto de sistemas capaces de anticipar e mitigar os efectos de eventos naturais extremos, sobre todo inundacións e incendios forestais, nas principais infraestruturas atlánticas de transporte, incluídas tanto estradas como liñas ferroviarias.

“A maior parte do transporte de persoas e mercadorías na área atlántica realízase por ferrocarril e por estrada. O rendemento destas infraestruturas está afectado directamente por eventos naturais extremos e polos fortes procesos de corrosión que resultan da proximidade co océano Atlántico”, explicou na presentación da reunión a profesora Belén Riveiro, investigadora do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo, que estivo acompañada na presentación polo reitor, Manuel Reigosa; o secretario da EEI, Pablo Izquierdo, e a concelleira e docente deste centro Ana Mejías, que acudiu á xuntanza en representación do alcalde de Vigo. Todos fixeron fincapé na importancia dun traballo que vela pola seguridade cidadá e que non sería posible “sen a implicación de tantos grupos de investigación traballando xuntos”, salientou Reigosa, quen recalcou a importancia das diferentes convocatorias de axudas á investigación da Unión Europea. 

Monitorizar as principais infraestruturas, o gran reto

Sirma pretende mellorar significativamente a resiliencia das infraestruturas do transporte mediante o desenvolvemento dun conxunto de ferramentas holístico con aplicación transversal para anticipar e mitigar os efectos de eventos naturais extremos. “Estas ferramentas despregaranse para as principais fontes de perigo que afectan aos principais corredores atlánticos, cubertos en gran parte pola experiencia e coñecemento do membros do consorcio”, explica Riveiro.

O proxecto arrancou en abril de 2019 e rematará en marzo do 2022. Nos primeiros 18 meses estase a traballar no afondamento de coñecementos e desenvolvemento de ferramentas que permitan avaliar a vulnerabilidade das infraestruturas do transporte a eventos interceptables, “por exemplo, procesos de deterioro dos materiais”, e eventos non interceptables, como poderían ser o desgaste de piares en pontes, tendo en conta diferentes escenarios de cambio climático. “Trátase de ser capaces de crear instrumentos e ferramentas de monitorización de infraestruturas  e establecer diferentes estudos experimentais que sirvan de referencias en diferentes estruturas críticas”, salienta a responsable local do proxecto, que fai tamén fincapé na importancia de desenvolver unha ferramenta que facilite a toma de decisións tendo en conta o risco. “Trátase de analizar as principais necesidades desde o punto de vista da monitorización das infraestruturas, de coñecer as principais fontes de risco no espazo atlántico e de acadar un coñecemento máis profundo das rexións nas que se van levar a cabo os proxectos piloto”, explica a investigadora viguesa, quen salienta que estas demostracións se levarán a cabo principalmente en Portugal e Irlanda na segunda metade de 2021.

Dez socios europeos liderados pola Univ. do Minho

O consorcio está integrado por dez socios liderados pola Universidade do Minho e nel participan a University College Dublin (Irlanda); a Universidade de Vigo (España); a Universidade de Nantes (Francia); a Universidade de Surrey  (Reino Unido); AZVI SA (España); Irish Rails (Irlanda); Infraestruturas de Portugal SA (Portugal); Queens University Belfast (Reino Unido)e a Universidade de Birmingham (Reino Unido). 

Por parte da Universidade de Vigo participa no proxecto o Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, que se encarga principalmente do paquete de traballo orientado a desenvolver instrumentación e sistemas de monitorización de infraestruturas baseados en tecnoloxías xeomáticas. Coordinados polo profesor Pedro Arias, investigador principal deste grupo, os responsables locais do proxecto son, neste caso, os investigadores Belén Riveiro e Joaquín Martínez.

Na reunión deste martes en Vigo presentáronse os primeiros resultados acadados por parte dos diferentes membros do consorcio e, por outro lado, contouse tamén coa participación de diferentes expertos nacionais e internacionais que impartiron relatorios relacionados con distintos aspectos de carácter relevante para acadar un correcto desenvolvemento deste traballo. Tras a inauguración abriu as xornadas o profesor da Universidade de Minho José C. Matos, coordinador xeral do proxecto.