DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto contou coa colaboración dun equipo de persoas xordas e financiamento do MEC

Especialistas en Lingua de Signos Española crean unha web que facilita o seu ensino e interpretación

Cada signo ten a súa glosa, incluíndo man dereita, man esquerda e tradución ao español

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Investigación
D. Besadío DUVI 17/06/2020

Un equipo de especialistas da Facultade de Filoloxía e Tradución puxo en marcha este curso iSignos, unha nova ferramenta de consulta, aberta e gratuíta, na que se pon ao dispor de calquera persoa interesada un corpus de anotación da Lingua de Signos Española, coas súas correspondentes glosas identificativas. “Trátase dunha ferramenta que permite facer buscas de vocabulario e de exemplos do corpus”, explica a profesora Maruxa Cabeza, principal responsable dun proxecto que non só é de interese para a comunidade investigadora, senón que se revela tamén como un importante recurso de apoio a tarefas como o ensino ou a interpretación da LSE.

Para pór en marcha iSignos contaron coa “imprescindible” colaboración dun equipo de persoas xordas, expertas en LSE, que formaron parte do equipo.   “O valor engadido que achegan as persoas xordas ao desenvolvemento da investigación non se limita unicamente ao seu papel como expertos na contribución ao recoñecemento dos signos, tamén serven de ponte para conseguir un acceso máis fácil ao colectivo xordo”, recalca Cabeza, quen sinala que, á súa vez, o proxecto lles achega a este colectivo un “certo empoderamento”, posto que poden contribuír a aumentar o coñecemento sobre a súa lingua e ser modelos para a súa propia comunidade.

Datos reais: vídeos de linguaxe espontánea de persoas xordas

O deseño do corpus e a meirande parte das gravacións fixéranse xa nun proxecto anterior –Radis, Relaciones Actanciales en Discurso Signado- e, nesta segunda etapa, o que se fixo foi ampliar e refinar a anotación.  Radis centrárase en estudar e describir as construcións simples na Lingua de Signos Española e, para levalo a cabo, o equipo de investigación traballou cunha metodoloxía de corpus baseada en datos reais. En total realizáronse preto de cinco horas de gravación, das que máis de tres contan con glosas de anotación primaria -cada signo ten a súa propia glosa e tradución ao español-.

Neste segundo proxecto de investigación centráronse máis na descrición de expresións complexas e, finalmente, iSignos contén, por unha banda, un corpus e, pola outra, o léxico identificado nese corpus. Ademais, na páxina principal pódese descargar a guía de anotación, na que se indica como se codifican as glosas e outros detalles de interese. O usuario ou usuaria pode acceder á lista de gravacións, podendo filtrar a busca por diferentes ítems, desde o xénero discursivo ata o tema ou o sexo e rango de idade do informante, así como empregar tamén a busca por glosa (só man dereita, só man esquerda, por palabra exacta, etc).

Segundo valora a responsable do proxecto comprobouse que hai bastante variación entre o modo en que as persoas xordas constrúen expresións do tipo “ela me dixo que Xan era o seu amigo” ou “como son xorda, falo lingua de signos”, pero iso non implica que non haxa patróns bastante estendidos. Puido constatarse como habitual unha estratexia que consiste nunha especie de intercambio conversacional mínimo, semellante a: “ela me dixo que? Que Xan é o seu amigo”. “Notamos tamén un uso moi común das repeticións do verbo na mesma oración, con diferentes funcións, así como a utilización de máis dun verbo para indicar un evento complexo”, salienta a investigadora, quen aclara que esta última construción chámase de verbos en serie e está documentada en moitas linguas vocais de diferentes partes do mundo. “Outro recurso moi frecuente, tamén documentado noutras linguas de signos (e en linguas orais), consiste en tomar o punto de vista dun personaxe da narración e simular que é el ou ela quen está a falar. Pódese entender como un cambio de rol para expresar as accións ou os discursos doutra persoa”, engade.

Unha tarefa “laboriosa” financiada polo MEC con 50.000 euros 

Para a posta en marcha deste segundo proxecto, titulado Estruturas argumentais complexas en discurso signado: estudo baseado nun corpus da lingua de signos española, contouse cunha subvención do Ministerio de Economía e Competitividade de 50.000 euros.
Ao ser un proxecto continuación doutro, non partiron de cero. “Para estudar unha lingua, cómpre comezar por obter datos. O mesmo acontece coa LSE. Por iso é preciso conseguir un corpus en vídeo, a ser posible de linguaxe espontánea”, recalca a investigadora, quen explica que para construír este déronlle un papel importante ás narracións, contadas a partir dunha historia en imaxes (sen palabras), de tal xeito que a persoa que signa exprésase como quere, a través de recursos naturais. Neste sentido, sinala que tamén funcionan bastante ben as conversas semidirixidas (cun guión previo), nas que se busca sobre todo que se fale da infancia, de como se aprendeu a lingua de signos e outras experiencias relacionadas coa xordeira, porque son temas nos que as persoas xordas se senten cómodas. “Con todo, o corpus contén outras formas de discurso, entre as que se conta unha web serie de produción galega que se titula Mírame cuando te hablo”, recalca Cabeza.

Realizado este traballo o seguinte foi anotar ese corpus, “unha tarefa laboriosa, porque esixe ir signo a signo e, en ocasións, requírese representar por separado a actividade das dúas mans, xa que os seus movementos poden diferir, aínda que estean sempre relacionados”. É unha forma de simultaneidade que resulta característica destas linguas que empregan o medio de expresión visuoxestual. Ao labor de anotar os signos e traducilos segue o de incluír especificacións de tipo gramatical, tal como a categoría gramatical (nome, verbo, adxectivo, etc.) e a relación que teñen entre si os signos para formar oracións. “Ademais, é moi importante ter en conta a actividade doutros articuladores, como as cellas, os movementos da boca e a mirada, entre outros”, conclúe Cabeza.