DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro que se celebra este xoves e venres en Ciencias Empresariais e Turismo

Especialistas de once universidades afondan na investigación no eido da empresa familiar

Froito do encontro realizarase unha publicación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 13/06/2019

Este xoves e venres a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolle a celebración do II Workshop Family Business, organizado pola Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo e o Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), ambos con sede nesta facultade. A cita reúne a especialistas de once universidades estatais e foráneas para afondar na investigación no eido da empresa familiar.

Segundo explicou Elena Rivo, subdirectora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo e membro do comité organizador da cita xunto a Santiago Lago e Katiuska Cabrera, este taller naceu ao considerar “no seo da cátedra que é importante non só facer actividades académicas e de transferencia senón tamén de investigación”. O taller, detallou Santiago Lago, director da cátedra, “é unha reunión de traballo de perfil máis técnico, na que se presentan investigacións, unhas en curso e outras rematadas, coa intención de facer posteriormente  un número monográfico para publicar nunha revista”. A iniciativa, subliñou o catedrático da Universidade de Vigo, supón ademais “unha mostra de como o Grupo Gen, alén de transferencia, fai moita investigación con solvencia e desde Ourense”.

Da organización á innovación

A actividade reúne, tal e como explicaron os seus coordinadores, aos responsables das cátedras de empresa familiar que existen en España, como son as das universidades de Cádiz, Granada, País Vasco e Deusto. Ademais, nesta segunda edición, apuntou Elena Rivo, ampliouse o abanico de participantes convidando a especialistas en empresa familiar doutras universidades e a Mattias Nordqvist, “un dos expertos mundiais en empresa familiar, de recoñecido prestixio”, co obxectivo final de potenciar o debate arredor da investigación que se realiza no eido da empresa familiar.

Mattias Nordqvist, director do Center for Family Enterprise and Ownership, profesor do Jönköping International Business School de Suecia e co-fundador e editor asociado de Journal of Family Business Strategy, falará o segundo día de reunión do seu traballo “en cambio organizacional e estratéxico na empresa familiar, e máis especificamente no eido do emprendemento nas empresas familiares”. Así, apuntou, no eido da empresa familiar non só hai que ter en conta como cambia a empresa matriz ao longo das xeracións senón tamén “como as familias empresarias abren novos negocios”. Neste senso, salientou como o desafío que se presenta “é intentar manter pero tamén desenvolver o espírito empresarial a través das xeracións” tendo en conta que as xeracións máis novas poden ter, fronte ás "xeracións sénior", “outros puntos fortes que poden confluír na empresa” co empredemento de novos negocios. Sobre as diferenzas entre o modelo de empresa familiar en España e no seu país, este experto apuntou como “a diferenza máis grande está no concepto do sentido da familia”. No sur de Europa, detallou, “a familia tende a ser un grupo máis grande mentres no norte de Europa, como en América do Norte, a familia considérase un grupo máis nuclear e pequeno”, coas repercusións que iso ten na xestión dos negocios.

Ao longo dos dous días de celebración, a cita contará coa intervención de especialistas das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Cantabria, Estremadura, Deusto, País Vasco, Cádiz e Granada, do Tecnológico de Monterrey e do Jönköping International Business School. As investigacións expostas abordan cuestións relacionados coa empresa familiar como son a concentración da propiedade, a composición dos consellos de administración e a xestión de riscos; a relación entre as políticas de apoio á I+D+i e a orientación empresarial no caso de México; o impacto do territorio na integración empresarial; a internacionalización e a innovación; a empresa familiar no sector sanitario; as barreiras ao cambio e á renovación; o tamaño e estratexia de negocio e a toma de decisións.