DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha publicación coordinada polo investigador Enrique Varela

Especialistas e profesionais inciden na “necesidade de profesionalizar” a dirección pública

A través de 28 artigos, abórdase a implantación desta figura nas diferentes administracións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI Pontevedra 03/06/2020

Pór de relevo a importancia de “abrir un debate sobre a necesidade de profesionalizar as estruturas directivas das administracións públicas españolas en todos os seus niveis”. Este é, como salienta o investigador da Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo  Enrique Varela, un dos obxectivos de Hacia una Dirección Pública Profesional. Transformando las instituciones desde el liderazgo público profesional, unha publicación que reúne as achegas de 34 expertos académicos, directivos e directivas de diferentes administracións ou responsables de centros de formación para o funcionariado. Coordinada por Varela, o libro publicado pola editorial Wolters Kluwer aborda, desde diferentes perspectivas, na “cada vez máis urxente” necesidade de “consolidar” a dirección pública profesional nas administracións españolas, entendida esta como “un espazo de actuación pública que se move entre as dimensións políticas e administrativas”, como salienta Varela, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e coordinador académico do Observatorio da Gobernanza G3. 

Publicado na serie de especiais dunha “das mellores editoriais españolas sobre estes temas”, este traballo reúne unha “selección dalgunhas das achegas máis relevantes que sobre a dirección pública profesional" realizadas no primeiro Congreso Global online de Dirección Pública Profesional, impulsado pola Asociación de Dirección Pública Profesional (ADPP), e da I Jornada Internacional de Dirección Pública: Pensar en el mañana ya, organizada en novembro polo Instituto Andaluz de Administración Pública. A través de 28 artigos, proponse, como salienta o seu coordinador, unha “ampla reflexión directamente vinculada co presente da lexitimidade das institucións públicas”, xa que esta “ten que ver co valor que a cidadanía outorga ao exercicio dos gobernos e as súas decisións”, papel no que as e os directivos públicos profesionais poden xogar, ao seu xuízo, un papel clave.

Unha figura “poliédrica” por desenvolver

A dirección pública profesional, engade Varela, constitúe un fenómeno “poliédrico, multidimensional e multinivel”, dado que esta “non pode abordarse só desde un nivel de goberno ou desde unha dimensión estritamente técnica”. O adxectivo de ‘profesional’, explica, insírese nun debate aberto na década do 2000, trala aprobación do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), co propósito de “reforzar as capacidades e competencias daqueles que teñen responsabilidades directivas” á vez que “reducir a discrecionalidade propia da nosa cultura administrativa en relación co nomeamento, a carreira e o cese dos nosos directivos públicos”. Non obstante, este debate foi ao seu xuízo “abandonado trala chegada da crise de 2008”, que deu lugar a un “austericidio” que “fixo moito dano aos sistemas públicos de benestar”. Nese senso, Varela recoñece que, a pesares de que na actualidade existen “exemplos de modelos de traballo na liña de profesionalización da dirección pública” en autonomías como Euskadi, Cataluña e Andalucía, esta figura “non acaba de consolidarse “ao non dispor dun marco xeral que debe formular o Goberno de España e no que se está traballando desde o Ministerio de Política Territorial e Función Pública desde 2019”.

Partindo desa perspectiva “multinivel”, a publicación, estruturada en diferentes bloques, reúne unha serie de reflexións e propostas desde os ámbitos das administracións locais, autonómicas e estatal. Xunto a estas, outra serie de artigos afondan noutras perspectivas e dimensións, desde o liderado feminino na nova dirección pública profesional e papel desta nova gobernanza aos sistemas de selección destes profesionais ou os métodos para avaliar a súa xestión. 

Unha ollada cara outros países

Coa participación de expertos e epxertas de Portugal, México, Chile e Arxentina, a publicación aborda tamén a situación da dirección pública profesional noutros países, xa que esta que depende, como lembra Varela, tanto dos modelos de emprego público como da “cultura, social, política e administrativa de cada país”. Neste eido, Varela pon como exemplo a Portugal, “país cunha tradición e modelo similar ao español”, que “lévanos décadas de vantaxe” nesta materia, grazas ao labor realizado por unha “comisión de directivos públicos profesionais (Cresap), que está tendo moito éxito”. 

A publicación complétase cunha análise centrada no eido da formación, tanto nas universidades como nas escolas de formación de funcionariado, bloque no que se insiren tanto o artigo que Varela dedica ao grao en Dirección e Xestión Pública, como o referido a mestrados online que asinan os tamén docentes da Área de Ciencia Política e da Administración  Xosé Mahou e Mónica López Viso, director e secretaria académica, respectivamente, do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional.