DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Deseñados por estudantes de CCSS e da Comunicación e da EE de Telecomunicación

Especialistas do sector coñecen os videoxogos ideados polo alumnado inspirándose no roubo do Códice Calixtino

A actividade completouse cun coloquio co animador Max Puentes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 11/12/2019

No marco dunha iniciativa do grupo de innovación docente ComTecArt, estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación traballan conxuntamente desde o inicio do cuadrimestre no deseño da primeira fase dun videoxogo, inspirado nun relato inédito do escritor e profesor Miguel Anxo Fernández sobre o roubo do Códice Calixtino. Os e as participantes nesta actividade, alumnos de cinco materias de tres titulacións, defenderon este mércores os seus proxectos diante do analista de videoxogos e titulado en Comunicación Audiovisual Esteban Canle e do supervisor de animación da empresa de posprodución Nu Boyana FX, Max Puentes,

Coordinada polas docentes de CCSS e da Comunicación Beatriz Legerén, Mónica Valderrama e Luis Fernández e os profesores da EE de Telecomunicación Antonio Pena e Enrique Costa, esta experiencia levou a estudantes dos dous centros a traballar conxuntamente, en tres equipos que simulaban ser unha produtora, no deseño e desenvolvemento do primeiro nivel dun xogo que debía ter como punto de partida Timo Calixtino, unha novela curta inédita na que o detective Frank Soutelo investiga o roubo do códice. Tras presentar os seus proxectos, as e os participantes mantiveron nesta xornada unha reunión con Puentes, Canle Costa co obxecto de que “lles preguntasen por diferentes aspectos relacionados co proxecto e puidesen ver se realmente é viable ou non”, explica Legerén. “Pareceume unha iniciativa moi interesante e entendo que moi positiva para eles, porque implica enfrontarse por primeira vez a cuestións do mundo real que igual non teñen en conta, como o orzamento o custo das licencias...”, engadiu Puentes, supervisor de animación de Nu Boyana FX, “unha das empresas de posprodución máis importantes do mundo”, como salientou Legerén. Ao longo da súa traxectoria, Puentes traballou para superproducións cinematográficas como Vengadores, Star Trek ou Transformers e que foi tamén animador sénior de Bren Entretainment, o estudio co que gañou catro premios Goya.

Xogos que se poderán probar o vindeiro mércores

Trala presentación desta xornada, esta iniciativa completarase, o vindeiro mércores, dando a posibilidade de probar estes xogos ao alumnado de CCSS e da Comunicación e da EE de Telecomunicación, nos postos que se instalarán, entre as 10.00 e as 13.00 horas, en ambos centros. 

Antes desta presentación pública, os tres grupos deron conta nesta xornada do traballo desenvolvido ao longo do cuadrimestre. No caso do equipo que integran Miguel Correa, Miguel Boo, Alba Iglesias, Ana Purriños e Cristian Sandá, o final do relato inédito de Fernández serviu como inspiración para un xogo que mestura “o survival horror con algo de aventura”. A idea dun cura “que tolea e decide emprender unha especie de vinganza, invocando a demos” é o punto de partida dun xogo no que o protagonista debe tentar sobrevivir á vez que buscar o códice, explica Correa, que recoñece o positivo dunha experiencia “na que aprendes a traballar en equipo, pero que tamén supón moito traballo”. Nesa mesma idea incide tamén Pablo Barciela, que destaca que reunir estudantes de dous campus “sempre fai máis complexa a posta en común”. Xunto a Sara Ramilo, Andrés Álvarez e Lara Viñas, este alumno formaba parte dun equipo que optou por trasladar “unha novela policial a un xogo deste estilo, de investigación”, no que o protagonista, o detective Frank Perkins, debe enfrontarse nas diferentes fases do xogos “a unha serie de casos que ten que resolver”. O detective é tamén o protagonista do xogo deseñado por Almudena  Almudena González, Greta Pérez, Mónica Loureiro e Juan José Otalora, que optaron por “darlle un pouco a volta a todo”. Concretamente, a súa proposta ten como punto de partida o momento no que Soutelo abre o códice, “e aparéceselle Lilith como a raíña dos diaños”, que a partires de aí irá encomendando ao protagonista unha serie de misións “coas que irá progresivamente volvéndose máis malo”, explican.  

As oportunidades do sector da animación

A actividade completouse cun coloquio no que Puentes achegou ao alumnado a súa experiencia e algúns dos traballos que desenvolveu como animador en empresas como Nu Boyana FX, Double Negative ou Light & Magic, división dos estudios Lucasfilm. O seu obxectivo, explica, amosarlles “en que medios poden traballar como animador, onde formarse ou como conseguir un traballo nesta industria”, así como explicarlle “que é exactamente o que fas para películas, videoxogos ou publicidade”. Con estes tres sectores como principais ámbitos de traballo, xunto coas series ou mesmo a “infoarquitectura”, o mundo dos efectos visuais e animación 3D constitúe na actualidade “unha industria moi potente, na que ademais están sempre buscando profesionais, aínda que é unha saída que moita xente non acaba de ver”. salientou Puentes.