DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do proxecto Alganat2000, desenvolto pola UVigo e o Parque Nacional das Illas Atlánticas

Especialistas vigueses crean unha ferramenta de uso libre para a clasificación de algas

Permitirá cartografiar as macroalgas cun baixo custe recollendo datos a partir de voos de drone

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 20/01/2020

Alganat2000 chega á súa recta final cos seus obxectivos cumpridos. As once investigadoras e investigadores participantes no proxecto presentaron este luns a través dun taller demostrativo os importantes resultados acadados tras meses de traballo e que se materializan no desenvolvemento e posta en marcha dunha ferramenta, Sigweb, para o cartografiado da evolución espacial das macroalgas e a avaliación do seu estado fisiolóxico. 

Sigweb é un instrumento a disposición da comunidade interesada que permitirá crear e actualizar mapas de xeito automático de cobertura das macroalgas, a partir dos datos obtidos polos drones con cámara multiespectral. Isto non só permitirá monitorizar de xeito periódico as poboacións de macroalgas, cunha importante redución do custe das mostraxes de campo, senón que tamén contribuirá a mellorar a xestión integral das áreas mariñas protexidas, a aumentar a frecuencia temporal da mostraxe, e a integrar todos os datos en sistemas de información xeográfica que se poden nutrir de outros datos xeorreferenciados de diferente natureza.

Para o desenvolvemento desta ferramenta, de xeito piloto o persoal investigador do Grupo de Ecoloxía Costeira do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, e do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente da Universidade de Vigo, mediron as diferentes condicións de humidade e temperatura das algas, tanto en laboratorio como en campo, nesta ocasión no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. Neste intre están en fase de estudo todos os datos recollidos para determinar o rango de temperatura experimentado polas diferentes especies na baixamar, para o que se empregaron sensores in situ para calibrar a imaxe infravermella da cámara espectral embarcada no drone.

Aínda que a alta similitude entre as firmas espectrais das distintas especies de algas dificulta a súa clasificación mediante sensores multiespectrais, e limita a porcentaxe de acerto na súa clasificación, os resultados baseados na pegada espectral teñen un 70% de acerto, agrupando as algas en tres grandes bloques: verdes, vermellas e pardas.

A temperatura do aire en baixamar, crítica en caso de cambio climático

Todos os datos recollidos complementáronse cun experimento en laboratorio para analizar a resposta fisiolóxica de tres das especies diana á temperatura do aire e da auga simulando un escenario de cambio climático. O estudo puxo en relevo que nestas circunstancias o principal factor crítico é a temperatura do aire en baixamar. 

Con todos estes datos enriba da mesa, os retos de futuro pasan agora por mellorar a clasificación das especies a través da firma espectral e desenvolver modelos de distribución das especies simulando diferentes incrementos da temperatura do aire. 

Transferencia do coñecemento

Ademais de crear ferramentas innovadoras para mellorar o traballo das investigadoras e investigadores relacionados co estudo das macroalgas, o proxecto Alganat realizou tamén un importante aposta en divulgación e transferencia do coñecemento. Neste sentido, ao abeiro proxecto leváronse a cabo dous talleres dirixidos ao sector pesqueiro e cinco eventos de difusión e elaboráronse diferentes recursos e materiais didácticos para uso educativo. 

Cun importe total de 194.000 euros, Alganat2000 contou cun financiamento público do 75% coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do Programa pleamar, que está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). “Para nós foi un ano de traballo moi positivo. Conseguimos os obxectivos que tiñamos marcados, aínda que nos gustaría ter algo máis de tempo para solucionar algúns dos problemas que fomos atopando polo camiño”, salienta Celia Olabarría, ao que o profesor Pedro Arias, o outro líder do proxecto, engade que "con Alganat accedemos a un ámbito totalmente alleo a nós, como é o ámbito mariño. Foi un proxecto moi novidoso e enriquecedor que nos abriu as portas a unha área que nos gustaría seguir explorando”.