DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unhas xornadas afondan no campus de Ourense no dereito ambiental

Un estado social, democrático... e sostible?

A actividade é a última organizada no marco da iniciativa Redexmar

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Rosa Tedin DUVI Ourense 08/11/2019

Despois de tres anos de actividade, a Rede de Excelencia de Estudos Xurídico-Marítimos (Redexmar), participada por dous grupos de investigación xurídica da Universidade de Vigo, entra na súa recta final. Como última acción, este venres celebrou no campus de Ourense unha xornada sobre dereito ambiental e xestión de recursos hídricos e mariños na que especialistas do eido xurídico achegáronse a diversos aspectos do camiño cara un estado que, ademais de social e democrático, sexa sostible.

A Xornada Redexmar sobre dereito ambiental e xestión de recursos hídricos e mariños, coordinada polos profesores Roberto O. Bustillo, Mª Belén Sánchez e Laura Movilla, foi a última actividade da rede, nada no marco do Programa de Consolidación de Unidades de Investigación Competitiva do Sistema Universitario de Galicia da Xunta de Galicia. Liderada desde a Universidade de Vigo polo catedrático Jaime Cabeza, Redexmar, lembrouse este venres, está formada por catro grupos de investigación de universidades galegas relacionados co dereito marítimo, como son o Grupo DT1 de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, que lidera a rede; o grupo Medea Iuris, do campus de Ourense; o grupo CADIE, da Universidade da Coruña, e o grupo De Conflictu Legum, da Universidade de Santiago de Compostela.

“O núcleo desta rede foi o mar, o seu réxime xurídico, dentro dun contexto de desenvolvemento sostible e medio ambiente”, comentou Roberto O. Bustillo na inauguración da cita. Durante os seus tres anos de actividade, indicou o profesor da Facultade de Dereito, realizáronse “todo tipo de actividades de ámbito nacional e internacional, como participación en congresos, publicacións, obras colectivas, artigos...”, sendo a súa última actividade a xornada celebrada en Ourense, na que se optou por un marcado carácter divulgativo. Alén dos resultados concretos de Redexmar, Bustillo recalcou “o proveitosas que son as redes multidisciplinares como esta, que reúne a xente de moitos ámbitos xurídicos distintos, como son o dereito internacional público, o dereito internacional privado, o dereito do traballo e o dereito administrativo”. Esta mestura, indicou, “permite ver un problema xurídico desde distintas perspectivas e iso é moi enriquecedor tanto para nós mesmos como de cara ás persoas ás que poden chegar os seus resultados”.

Unha xornada divulgativa

O programa da xornada arrancou cunha conferencia sobre os principios do dereito ambiental a cargo de Fernando López Ramón, catedrático de Dereito Administrativo da Universidad de Zaragoza e considerado, segundo explicou Roberto O. Bustillo na súa presentación, “un dos máis destacados especialistas para falar de dereito do medio ambiente aquí e en calquera sitio”. Tras introducir ao público asistente na evolución dos principios do estado liberal, o estado social, os estados totalitarios e o estado do benestar, o experto achegouse aos que serían aos principios dun estado que ademais de social e democrático de dereito fose sostible. “O que temos que ter ben claro é que se puidésemos chegar a pensar que o novo modelo do estado ecolóxico existe será por acumulación de fórmulas, é dicir, ninguén pode renunciar aos dereitos políticos conquistados pola burguesía nin os dereitos sociais dos traballadores, hai que engadir os dereitos ecolóxicos”, dixo. Ese modelo de estado ecolóxico ou sostible, indicou o catedrático, “sería algo así como a manifestación do poder público ante o sistema de produción e consumo que rexe os nosos sistemas capitalistas ou de liberdade de mercado”. Trataríase, engadiu López Ramón, dun “sistema no que sobre todo se trataría de contabilizar o deterioro de bens comúns, que consideramos que non eran de ninguén e que en consecuencia podíamos aproveitar libremente, o primeiro deles o aire”.

Durante a súa intervención o catedrático falou do dereito ao medio ambiente a súa consideración no artigo 45 da Constitución española e como, entre outras cousas, o dereito ambiental “é un dereito de principios obxectivos xa que non só persegue aplicar o dereito sen máis, senón que persegue transformar a sociedade”. Tamén sinalou como “hoxe en día temos un dereito ambiental normativamente avanzado en España e en todos os países da Unión Europea, sen prexuízo dalgúns problemas, como consecuencia dos avances que levou a cabo a UE e das obrigacións que se nos impoñen nas diferentes directivas”. No seu repaso ao marco xurídico deste dereito, o experto lembrou como o principio de desenvolvemento sostible é un principio que se identifica no ano 1984 nunha comisión mundial como o principio de solidariedade entre xeracións, avogando por “un sistema de desenvolvemento no que se podan satisfacer as necesidades das xeracións presentes sen lesionar a capacidade das xeracións futuras de satisfacer as súas propias necesidades”.

Seguíronlle intervencións de César Tolosa, maxistrado da Sala 3ª do Tribunal Supremo, sobre o control xudicial e os problemas procesuais da Lei 21 /2013 de Avaliación Ambiental, e de José Manuel Sobrino, catedrático de Dereito Internacional Público da Universidade da Coruña, sobre a UE e a gobernanza internacional dos océanos. A programación tamén incluíu unha mesa redonda na que catro profesoras das universidades de Murcia e Vigo abordaron temas como as estratexias internacionais para salvagardar a vida mariña; a protección dos recursos mariños nas estratexias das concas marítimas da política marítima integrada; a auga e a economía circular e a auga, os obxectivos de desenvolvemento sostible e o dereito internacional.