DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O presidente do INE inaugurou este xoves o Congreso Galego de Estatística e Investigación Operativa

A estatística, ante o reto dunha sociedade datificada

Un cento de representantes de empresas, universidades e institucións públicas participan no simposio

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI 24/10/2019

A sociedade dixital na que vivimos xera cada vez máis fontes de información e máis datos, unha contorna datificada que ofrece novas oportunidades de desenvolvemento na elaboración de estatísticas. Saber seleccionar, analizar e xestionar esas “inxentes cantidades de datos” é un dos principais retos aos que se enfronta a estatística oficial. Este será un dos temas de debate que se abordarán no Congreso Galego de Estatística e Investigación Operativa, que se desenvolve na Escola de Enxeñaría Industrial, en Torrecedeira, dende este xoves e ata o sábado.

Na cita participan 114 persoas, tanto das tres universidades galegas coma de fóra de Galicia, desde a Complutense de Madrid ata a Universidad da Laguna, a UNED, a Miguel Hernández de Elche, pasando tamén por Salamanca e Valencia, a Universidad Nacional de San Agustín de Perú, así como varias universidades portuguesas, de Bélxica, Suíza, Países Baixos e representantes do mundo empresarial e institucional.

As novas fontes de información

A conferencia de apertura correu a cargo do presidente do Instituto Nacional de Estadística, Juan Manuel Rodríguez Poo, que explicou que a estatística oficial está dando novos pasos orientados a manter a súa relevancia e, así, continuar satisfacendo as fortes demandas de información da máis alta calidade por parte dos usuarios dos datos. “Estamos nun novo contexto de datos, o paradigma sobre o que estivemos traballando na estatística aplicada e na estatística oficial durante moitos anos está cambiando, porque a sociedade móvese e ten novas fontes de información e todo isto ten que facernos reaccionar”. Dende o seu punto de vista hai tres conceptos claves á hora de analizar a situación actual da estatística e as novas fontes de datos. Por unha banda, a realidade dunha sociedade datificada, por outra o big data, e en terceiro lugar as smart statistics, “conceptos todo eles que xa entraron no noso vocabulario diario”. 

E é que como explicaba o director do INE, aos intercambios de comunicación humana tradicional, como o cara a cara, as cartas ou o teléfono, súmanse agora redes sociais, correos electrónicos, foros ou webs e a comunicación non humana, como o internet das cousas, a conexión entre dispositivos, etc. “Isto implica que existen moitas maneiras novas de obter información, moitos máis fluxos de datos que a estatística oficial debe saber aproveitar, analizar e xestionar”.  Como explicaba na conferencia de apertura, o Big Data caracterízase porque proporciona un volume inxente de datos, de tipoloxías moi diversas e con gran velocidade. “O gran reto que temos agora é aplicar as técnicas precisas para aproveitar toda esa información”, xa que facelo permitiría “ter estatísticas máis detalladas dende o punto de vista territorial e temporal, ganar en velocidade e reducir a carga aos enquisados, non preguntando o que xa sabemos, ben a través das súas comunicacións na sociedade datificada ou ben a través da súa interlocución coas administracións públicas”.

Unha cita científica de referencia

O Congreso Galego de Estatística e Investigación Operativa é unha cita bienal que naceu en 1993 por encargo da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación Operativa, como explicaba na inauguración o presidente do comité organizador e profesor do grupo SiDOR, Javier Roca. Esta cita é , segundo Antonio Campo Andión, director do Instituto Galego de Estatística, “a reunión científica máis importante que se fai en Galicia neste eido con representación non só do mundo científico, senón tamén dos axentes que traballan nesta materia: as universidades, as empresas e a estatística pública, tanto autonómica como do Estado”. Na súa intervención reivindicou o papel da estatística pública autonómica como ferramenta para a toma de decisións. “Debemos responder ás novas necesidades de información estatística, que no eido estatal están cubertas por organismos como o INE ou entidades como o Servizo de Estudos do Banco de España ou o equipo de análise da autoridade fiscal, etc.” Lembrou que este tipo de entes non adoitan estar presentes nas comunidades autónomas polo que, “nun contexto de incrementar as sinerxías e aproveitar o coñecemento do noso persoal estatístico”, se debe poñer en valor o sistema estatístico de Galicia. Un exemplo deste traballo é a recente presentación ao Consello Galego de Estatística do proxecto técnico para a elaboración do cadro macroeconómico de Galicia e a elaboración dun modelo estocástico de equilibrio xeral dinámico. “Son exemplos de distintas liñas de traballo que dende a estatística pública se poden potenciar para producir información que axude a unha mellor toma de decisións”.

No acto de apertura do simposio estiveron presentes tamén o deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, e a concelleira de Urbanismo e tenente de Alcalde, María José Caride. Font puxo en valor a importancia da estatística para a toma de decisión nas administracións públicas, no caso da Deputación en eidos como o emprego, o emprendemento, a xestión de residuos e, sobre todo, no que se refire ao turismo ou ao reto da transición ecolóxica. María José Caride deu a benvida ás e os asistentes en nome do alcalde da cidade, Abel Caballero e lembrou que a estatística é algo que cada vez lle preocupa máis a unha sociedade xa familiarizada “con conceptos como tamaño da mostra, factores de desviación, datos brutos e datos cociñados, etc.”. Finalizou destacando que decisións tan importantes como “financiar ou non un medicamento” está baseada nos datos estatísticos que avalen o éxito do tratamento. 

Ao longo dos tres días que dura o congreso, desenvolveranse catro conferencias, a de apertura a cargo do presidente do INE e as de Juan José Salazar, da Universidad de La Laguna; Carmen Armero, da Universidad de Valencia, e Ingrid Van Keilegom, da KU Leuven de Bélxica. O programa complétase con dúas mesas redondas, comunicacións orais, pósters e unha sesión especial de biometría, así como unha exposición cedida por un museo de matemáticas catalán.