DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentouse este xoves no 13 Congreso de Traballos Colaborativos

Estudantes do campus crean unha app que aumenta a autonomía das persoas con síndrome de Down

Tamén se deu a coñecer unha mesa personalizable para persoas con parálise cerebral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Emprender
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
D. Besadío DUVI 05/12/2019

O 13 Congreso de Traballos Colaborativos foi o lugar elixido para presentar en sociedade App&Down, unha aplicación intelixente desenvolta por un equipo de alumnas e alumnos da Escola de Enxeñería Industrial e a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo coa que se busca contribuír a aumentar a autonomía da persoas con síndrome de Down. Desde axudarlles a xestionar o diñeiro ata guialos no uso do transporte público son algunhas das cuestións coas que se lle facilitará o día a día destas persoas.

“A interface da aplicación, que pode instalarse en calquera dispositivo móbil, incluído un reloxo intelixente, é o máis simple posible para favorecer o seu control sobre ela”, apuntan os creadores, que explican que consta de dous menús, un no que se xestiona o tema do diñeiro e outro coa planificación diaria.  Na parte económica o usuario ou usuaria vai atopar unha ilustración cunha bolsa de diñeiro que lles serve de medidor do seu estado actual e na que poderán introducir de xeito moi simple as cantidades que reciben e as que gastan e, a da xestión diaria, consiste nun calendario que lles axuda a recordar citas que teñan planificadas para ese día, o medio de transporte que deben coller –número de autobús, a que hora pasa e en que parada debe baixar- e incluso unha alarma espertador. 

“Cabe destacar que a aplicación, configurable dependendo do grao de discapacidade, dá tamén a posibilidade de ser controlada polos titores, que poderán acceder á súa planificación para pórlles unha alarma, un recordatorio... e que os avisará si, por exemplo, se produce algún gasto estremo”, recalcan os seus autores, un equipo do que forman parte sete alumnas e alumnos dos graos de Enxeñaría de Organización Industrial, Enxeñaría de Tecnoloxías Industriais e Dereito.

Mesas adaptables aos diferentes modelos de cadeiras de rodas

No marco deste congreso, no que se presentaron un total de 13 traballos, deuse tamén a coñecer unha mesa adaptada para persoas con mobilidade reducida creada por un grupo de 10 alumnas e alumnos dos mesmos graos que os creadores de App&Down. “Tras visitar o centro de día da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral decatámonos de que a maioría destas persoas comparten a dificultade de adaptar a súa cadeira de rodas ás mesas, xa que cada unha é distinta”, explicaron na presentación. Con este traballo tratan de solucionar este problema mediante o deseño de mesas adaptables en altura e inclinación, “de modo que a mesa se adapte a eles en vez deles á mesa”.

Esta edición tivo un marcado carácter social

Coordinado polos profesores José Luis González Cespón e José Antonio Alonso, o Congreso de Traballos Colaborativos  é unha cita na que se presentan diferentes traballos realizados de maneira interdisciplinar entre estudantes de distintos centros e graos. Nesta ocasión o evento levouse a cabo no salón de actos da sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial e tivo un marcado carácter social.

Ao longo de toda a mañá presentáronse diferentes traballos nos que se abordaron, entre outras cuestións, un proxecto de actividades e de reacondicionamento de espazos en hospitais para nenos con cancro; unha app de axuda, detección e prevención do bullying ou outra para a determinación da capacidade de condución cando se toman medicamentos na que o condutor ou condutora poderá escanear o código QR de cada menciña  para recibir, de seguido, unha mensaxe que lle indica se debe ou non conducir.

A temática medioambiental estivo tamén presente en varios dos traballos realizados, tendo especial protagonismo problemas tan actuais como os microplásticos ou a reciclaxe. Algúns exemplos deste tipo de traballos son un proxecto de eliminación de microplásticos no ambiente doméstico; un colector intelixente para reciclaxe mediante recompensa; outro de eliminación do uso do plástico en supermercados e grandes superficies ou unha aplicación para compartir coche “a última hora’ para avanzar cara a sostenibilidade. A maiores presentouse tamén un sistema de prevención de incendios forestais baseado no emprego de drones, un plan de comunicación para actividades de ocio universitario na UVigo, un garaxe privado de bicicletas e un sistema público de xestión de bicis eléctricas.