DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto piloto europeo que trata de tender pontes entre países

Estudantes Erasmus exercerán de voluntarios en colexios e institutos para xerar conciencia intercultural

Neste curso seis alumnos están a participar de xeito experimental

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Internacional
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 28/02/2019

En 2017 o programa Erasmus cumpría 30 anos e, ao longo dese tempo, nove millóns de estudantes de universidades europeas tiveron a oportunidade de completar os seus estudos noutro país. Cada un destes alumnos e alumnas é un potencial embaixador do seu país, da súa cultura, da súa lingua... un potencial que o proxecto europeo Social Erasmus+ quere aproveitar. Trátase dunha iniciativa posta en marcha por un consorcio do que forman parte tanto asociacións xuvenís como universidades para achegar os estudantes internacionais ás escolas primarias e secundarias locais fomentando así un diálogo aberto entre as culturas e a conciencia intercultural.

O proxecto está impulsado por Eramus Student Network (ESN), xunto coa Fundación Universitaria Europea e Youth for Exchange and Understanding e institucións académicas como a Universidade de Vigo, Vrije Universiteit Brussel, Universidade de Viena, Scholengroep Vlaamse Ardennes e ESN Besançon, co apoio de The Organising Bureau of European School Student Unions e a Universidade de Franche- Comté. Esta semana os representantes destas entidades reúnense no campus de Vigo para seguir perfilando o programa formativo do estudantado participante, o seu marco competencial e os plans de acción para que esta proposta se faga global. A modo de experiencia piloto, a Universidade de Vigo contou neste curso con seis alumnos, tres do campus de Vigo e tres de Ourense, que colaboraron con centros da contorna, amosando aos rapaces e rapazas a súa cultura e tradicións.

A coordinadora do proxecto na Universidade de Vigo é a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Mª Isabel Doval. Explica que o obxectivo de Social Erasmus+ é “fomentar a diversidade, o coñecemento de linguas, culturas e sociedades e, ao tempo, visibilizar as potencialidades dos programas de mobilidade académica como Erasmus”. Trátase de convidar aos estudantes estranxeiros a ser “participantes activos” durante o seu intercambio, para que dediquen parte do seu tempo a accións de voluntariado coa comunidade da cidade que os acolle, creando así un punto de encontro entre o alumnado internacional e a xuventude do país receptor. Deste xeito, remarca Doval, “queremos xerar conciencia intercultural entre os estudantes de secundaria, aumentar o recoñecemento do voluntariado no desenvolvemento dos plans de estudo e difundir os valores europeos, a cultura e a cidadanía global”.  Ademais, esta conexión entre mozos e mozas de diferentes partes do mundo permiten un intercambio cultural con toda a sociedade local, non só cos alumnado dos colexios e institutos e, ao tempo, fai posible un incremento do recoñecemento das actividades voluntarias na Educación Superior.

Voluntarios e voluntarias de Cabo Verde, Guinea Ecuatorial e Alemaña

No marco do proxecto, que remata no mes de outubro, na Universidade Vigo xa se realizaron actividades de voluntariado en fase piloto en colexios próximos aos campus, como o IES Blanco Amor de Ourense e Colexio Andersen de Vigo con estudantes voluntarios de Cabo Verde, Guinea Ecuatorial e Alemaña. Mª Carmen Mokuy, da Universidade de Guinea Ecuatorial, é unha das voluntarias que xa participou neste proxecto. Explica que “esta experiencia cos nenos” beneficiará o seu futuro profesional, “o meu soño era dar clases nunha aula e transmitir coñecementos, pero isto axudoume a reducir o medo de falar en público”. Pola súa banda, Leliane Edneia Monteiro de Oliveira, de Cabo Verde, achegou a rapaces e rapazas os seus coñecementos sobre enerxía e medio ambiente, campo no que se está especializando. “Foi unha oportunidade de contribuír cos obxectivos de desenvolvemento sostible 2030 transmitindo os meus coñecementos e o que se está a facer neste eido en Cabo Verde”. Cualifica esta oportunidade como unha “grande experiencia, na que todos facemos preguntas e todos aprendemos” e supuxo tamén a oportunidade de coñecer como funciona un colexio rural de Vigo. Para Anna Kitchenko, estudante alemá, o seu paso polo colexio Andersen de Vigo foi a súa “primeira experiencia nunha clase, nunca o fixera antes”. Recoñece que, ao tempo que lles explicou aos alumnos as características do seu país de orixe e a súa cultura, tamén puido aprender moito sobre España e mellorar o seu dominio do castelán. “Este tipo de actividades serven para romper as barreiras que moitas veces existen entre o alumnado estranxeiro e a comunidade local” e que frean a súa integración efectiva na universidade de acollida.

Formación previa

Para afrontar esta experiencia, os estudantes internacionais reciben formación por parte do profesorado da Universidade de Vigo e contan con apoio e asesoramento por parte da institución, que proporciona material didáctico específico para esta actividade e unidades relacionadas con diversos temas como cultura, xeografía, linguas tradicionais, costumes, música, gastronomía, celebracións típicas, papel da muller noutras culturas, medio ambiente, etc. Todas estas ferramentas son supervisadas por profesorado da Universidade de Vigo e son os responsables dos centros os que deben consensuar as horas que os seus estudantes lle poden dedicar a estes labores de voluntariado. 

As entidades impulsoras desta iniciativa destacan os beneficios que os voluntarios e voluntarias obteñen con este tipo de iniciativas de intercambio cultural. Por unha banda, achegarse a colexios e institutos permítelles coñecer o sistema educativo en Galicia, pero tamén a cultura local ao tempo que comparten a do seu lugar de orixe cos rapaces e rapazas do centro educativo. Esta actividade serviralle tamén para mellorar as súas habilidades de comunicación tratando de “inspirar” o alumnado explicando a súa experiencia de intercambio e fomentará o nacemento de novas amizades. Tras estas primeiras experiencias de xeito experimental no marco do proxecto, a Universidade agarda que nos vindeiros meses se sumen máis estudantes estranxeiros e, sobre todo, farán fincapé en divulgar este programa xa pensando nos estudantes internacionais que cheguen aos tres campus no vindeiro curso.