DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra recolle as diferentes facianas e a evolución da intervención

Unha exposición e unha charla pechan no campus o proxecto arqueolóxico de Santomé

Na escavación participou alumnado da Facultade de Historia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 11/12/2019

Despois de varios de meses de desenvolvemento, o proxecto de intervención arqueolóxica de Santomé, en Ourense, chegou ao seu remate e fíxoo escollendo o campus como escenario de peche coa inauguración este mércores dunha exposición fotográfica e a celebración dunha charla de balance.

Ata o día 20 de decembro pódese ver no cuarto andar do Edificio de Ferro unha mostra fotográfica que plasma a evolución dos traballos desenvolvidos e diferentes facianas deles, desde a tecnoloxía á participación veciñal. “Na selección de fotos quixemos reflectir un pouco de todo, o espazo natural do xacemento, a colaboración dos veciños, as novas tecnoloxías empregadas na intervención, o proceso de escavación e de documentación, o esforzo colectivo do equipo...”, explica Eduardo Breogán Nieto, arqueólogo director da intervención. As imaxes contan con diferente autoría, sendo realizadas por fotógrafos, membros do proxecto e persoas que participaron nun certame desenvolvido no marco da iniciativa.

Segundo explica Nieto, Santomé 2019 é froito dun contrato da Dirección Xeral de Patrimonio para a execución dun proxecto do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense neste xacemento. A intervención, indica, centrouse na escavación dun sector novo no castro, no sector da parte sur, arredor dunha cata que se fixera nos anos 90 do século pasado e consistiu na escavación, documentación de todas as estruturas localizadas e na consolidación e musealización posterior, ademais de labores de difusión e divulgación. A escavación, detalla o arqueólogo, tivo lugar entre os meses de abril a xuño de 2019 e nela participaron estudantes en prácticas da Facultade de Historia do campus de Ourense. A consolidación e musealización desenvolveuse nos meses de outubro e novembro.

Facendo balance

Complementando a exposición, o peche do proxecto tamén inclúe a celebración este mércores pola tarde no campus dunha charla de balance final do proxecto á que están convidados a asistir as e os participantes na intervención, a veciñanza da zona, o alumnado da Facultade de Historia e as persoas interesadas. Sobre este balance, Eduardo Breogán Nieto salienta como “descubrimos unha serie de estruturas que se veñen datando no século primeiro despois de Cristo pero debaixo delas apareceron tamén restos anteriores, de época castrexa, que foron logo amortizados para a reurbanización de todo este sector arredor dun gran lagar, posiblemente para a produción de viño”. Detrás do lagar, indica o arqueólogo, había un grande espazo con columnas, sendo “o sitio máis singular que descubrimos na intervención”. Tamén apareceron, engade, varios potes para a almacenaxe de mel, produto que os romanos mesturaban con viño. Segundo as estimacións que manexan, o lagar quedou abandonado a finais do século segundo despois de Cristo, vivindo un corto período de abandono e unha reocupación posterior xa moi  puntual. “No espazo das columnas construíuse unha ferraría e máis abaixo unha telleira. Era unha zona só de traballo ata que ardeu a ferraría a mediados do século cuarto, colapsándose as estruturas e abandonándose xa ese sector”, narra o experto que apunta como “as cronoloxías coinciden coas das outras áreas do castro xa máis estudadas”.