DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición, elaborada por alumnado da USC, poderá visitarse ata finais de mes

Filoloxía e Tradución trae a Vigo unha mostra sobre a historia da educación en clave feminina

Son 24 paneis nos que se afonda na historia e na pegada deixada por outras tantas educadoras ou cole

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Cultura
D. Besadío DUVI 15/05/2019

Educación en feminino: un paseo pola historia.Este é o título da exposición que pode visitarse ao longo de todo o mes de maio na Facultade de Filoloxía e Tradución, unha mostra composta por 24 paneis nos que se fai un percorrido en clave feminina pola historia da educación, repasando a pegada deixada por outras tantas educadoras ou colectivos en diferentes etapas históricas. 

Elaborada por alumnado da Facultade de Formación do Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, onde se inaugurou o pasado mes de decembro, a mostra chega agora ao campus de Vigo da man do grupo de investigación Literatura infantil e a súa tradución, cuxas integrantes acaban de rematar o proxecto europeo G-Book sobre igualdade de xénero. “A idea de traer á facultade esta exposición xurdiu cando varios membros do noso grupo tivemos ocasión de contemplar estes traballos expostos en Lugo a raíz dunha xornada de traballo na biblioteca pública desta cidade, organismo destinatario dunha colección de 200 libros con perspectiva de xénero mercados con fondos europeos do antedito proxecto”, explica a investigadora Lourdes Lorenzo.

A calidade dos traballos recollidos nestes 24 pósters e o feito de que tiñan que ver con mulleres, educación da infancia e literatura levou a este grupo de investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo a solicitar ao profesor da USC Francisco Xosé Candia Durán, responsable da materia para a que se prepararon, e ao alumnado que os realizou o permiso para traelos a Vigo e, máis concretamente, “a unha facultade onde as letras, a literatura, a cultura, a educación e a tradución camiñan da man”, recalca a investigadora, que fai así fincapé en que este é “un exemplo de sinerxías moi interesantes entre distintas institucións de educación superior que, desta maneira, aproveitan o material xerado para espallar cultura e coñecemento en distintos puntos da xeografía (galega, neste caso)”.

24 educadoras de diferentes xeografías e épocas históricas

Este percorrido histórico polo mundo da educación comeza en Hipatia de Alexandría e remata en Bibiana Marful Castañal e, entre unha e a outra, completan a listaxe de paneis outros vinte e dous nomes, entre as que atopamos exemplos como a educadora e médica italiana Maria Montessori; María Barbeito, pioneira da renovación pedagóxica galega no primeiro terzo do século XX; as norteamericanas Helen Keller e a súa mestra Anne Sullivan; as mestras da II República Antía Cal e Josefina Aldecoa; as orientadoras de Preescolar na casa Ermitas Fernández Fernández e Marisol Fernández Rocha ou a televisiva Rocío Ramos-Paúl.

“Trátase de mulleres avanzadas ao seu tempo, que pularon pola igualdade de dereitos e pola calidade do ensino e que a historia da educación, maiormente construída por homes, só ultimamente está a recoñecerlles a súa valía e méritos pedagóxicos e a débeda que toda a sociedade temos co traballo que desenvolveron ao longo da súa vida”, explica Lorenzo, quen apunta que “diversidade de propostas, innovación pedagóxica,  compromiso pola igualdade, atención á infancia, pensamento avanzado, convivencia democrática etc. serían expresións que poderían destacarse desta exposición; en definitiva, a loita das mulleres por unha mellor educación para unha mellor sociedade".

Ás palabras de Lourdes Lorenzo o profesor da USC, Francisco Xosé Candia, engade que "o visitante atopa nesta mostra unha panoplia mínima de educadoras relevantes de diferentes xeografías e distintos momentos da historia, unha selección de 24 personaxes que, en moitas ocasións loitando contra os estereotipos de xénero propios da súa época, tanto a nivel teórico como práctico souberon conseguir que a situación educativa do seu contexto mellorase varios niveis grazas á súa acción e perseveranza”.