DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberta a toda a cidadanía, terá lugar o vindeiro xoves 4 de abril ás 12.00 horas

Fisioterapia organiza unha carreira solidaria para recadar fondos para Amencer-Aspace

Constará dun percorrido de 2,7 quilómetros pola Illa das Esculturas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Asociacións de Estudantes
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Pontevedra 27/03/2019

Promover á práctica de actividade física e, ao mesmo tempo, contribuír ao labor que a asociación Amencer-Aspace desenvolve con persoas con parálise cerebral, son os dous obxectivos que conflúen na Carreira Solidaria de Fisioterapia 2019, que a iniciativa do alumnado do centro, a facultade promove coa colaboración do Servizo Municipal de Deportes o vindeiro xoves 4. Coa saída prevista ás 12.00 horas da propia facultade, a carreira, aberta á participación de toda a cidadanía, constará dun percorrido de 2,7 quilómetros pola Illa das Esculturas e o campus e o custo da inscrición será de 2 euros por persoa, explican desde a organización dunha proba que terá lugar na xornada na que Fisioterapia celebra o día do seu patrón, San Aquiles. 

“O xoves 4 é a festividade da nosa facultade e pensamos en cambiar a orientación do día e organizar algo aberto a todo o mundo”, salienta Teresa Bellón, unha das estudantes de terceiro curso do grao en Fisioterapia responsables de impulsar unha carreira que o centro celebra por primeira vez e da que salienta “o propósito non é a competición, senón que a xente se anime a participar e que se divirta”. Con ese obxectivo de feito, e grazas a colaboración de patrocinadores como a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade ou Chema Sport, a proba pecharase ás 13.00 horas cun sorteo de agasallos entre as e os participantes. 

Inscricións abertas ata o 1 de abril

Ata as 23.59 horas do vindeiro luns 1 de abril, data límite para formalizar os seguros da proba, permanece aberta a inscrición nesta proba solidaria, no que todo o recadado a través das inscricións, coa excepción do que se destine á impresión dos dorsais, será doado á Amenecer-Aspace. “Este ano cursamos a materia de fisioterapia neurolóxica e descubrimos o labor da asociación”, explica nese senso Bellón doutras das motivacións que lles levou a impulsar unha proba na que animan a participar “tanto alumnado, profesorado e traballadores da Universidade como a xente de fóra”. Segundo se recolle no regulamento da carreira, as inscricións poden realizarse a través das redes sociais, na propia facultade ou a través do correo fisiofiestas18@gmail.com. 

A entrega de dorsais levarase a cabo na propia Facultade de Fisioterapia en horario de 9.30 a 11.45 horas e as e os participantes, explican desde a organización, contarán con servizo de vestiarios e duchas no propio centro.

Regulamento da Carreira Solidaria de Fisioterapia 2019