DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 4 ao 6 de marzo nas tres escolas de enxeñaría do campus

O Foro Tecnolóxico de Emprego cumpre 20 anos cunha edición repleta de novidades

En 2019 recolléronse 1500 currículos e este ano está confirmada a participación de 40 empresas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI 26/02/2020

Os vindeiros días 4, 5 e 6 de marzo as tres escolas de enxeñaría do campus abren as súas portas a  unha nova edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, unha actividade que este ano cumpre 20 anos e que chega repleto de novidades, pero co mesmo obxectivo co que naceu: abrirlle as portas ao mundo laboral ao alumnado das titulacións tecnolóxicas e axudalos a orientar os seus estudos. “Un ano máis queremos ofrecerlle a estes estudantes a posibilidade de relacionarse con diferentes empresas do sector, entregar o seu currículo, ensinarlle os mellores xeitos de afrontar unha entrevista de traballo ou  como deixar a un lado o medo de adentrarse no mundo laboral”, explica Candela Janeiro, estudante da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación que, tras varios anos formando parte da organización, este ano asumiu a coordinación xeral dun foro, “organizado por e para o propio alumnado”. 

Como cada ano, sinala Janeiro, “tentamos aprender doutras edicións e perseguir novos retos que fagan do actual foro un evento ao que todo o mundo queira asistir”. O pasado ano contouse cunha actividade de ‘speed recruiting’ como novidade; un recrutamento rápido no que o alumnado dispón de dous minutos para falar con unha empresa e, ao rematar, pasar á seguinte. Este ano hai varias novidades,  aos dous obradoiros pre-foro existentes engadíuselles un máis sobre como afrontar unha entrevista de traballo e outras actividades con información variada sobre os distintos procesos de selección das empresas.  “A nosa idea é ir completando a formación dos estudantes para que cheguen preparados ao día do evento”, salienta a coordinadora.

Tamén como novidade as temáticas das conferencias e talleres deste ano foron escollidas polo alumnado das escolas, o que consideran que axudará a aumentar a participación nas charlas, e a recollida dos CV fíxose en liña para axilizar o proceso, sen esquecer a axuda ofertada por un dos patrocinadores no tema da reciclaxe. Todas as ideas que cada ano barallan os organizadores están enfocadas a unha maior satisfacción do alumnado. “Este é un evento creado polo alumnado e para o alumnado, a nosa intención é crear un evento profesional, mantendo a nosa identidade, somos xente nova con ganas de medrar profesional e persoalmente”, recalca Janeiro.

Maior conciencia ecolóxica e axilización na entrega de currículos

Empresas como Optare, Deloitte, Brainport, Cortizo, os diferentes colexios profesionais, Indra, Televés, R, Altia, Pescanova ou Finsa, entre outras, son xa veteranas no foro, e a elas súmanse novas incorporacións como  o grupo Oesía, GBTec, Egatel ou PWC, en total hai confirmadas arredor dunhas 40 firmas. Ademais, no que se refire aos patrocinadores, este ano hai que engadir a Frutas Nieves e Redivivus, “xa que nesta edición queremos implicarnos máis co coidado do planeta, por iso é importante a súa axuda para mellorar a reciclaxe durante o evento”. En canto aos currículos, tras os datos recollidos das diferentes empresas participantes estimouse que o pasado ano se recolleron ao redor de  1500 “o que xustifica que o foro é un evento vivo”, destaca a organizadora. Nesta edición, a novidade de poder facer entrega do currículo en liña puido levarse a cabo grazas a un sistema “moi áxil e sinxelo co cal o alumnado poderá enviarlle o currículo ás empresas de forma inmediata”. Así e todo, a opción de facer entrega dos CV en papel segue a ser posible.

Ademais das novidades pre-foro, o foro contará, como cada ano, con distintas actividades. Nos vestíbulos da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e na Escola de Enxeñería  Industrial, as empresas disporán dun espazo para colocar os seus postos, onde “ofertarán bolsas e proxectos e onde darán a coñecer a súa forma de traballo”. Tamén haberá mesas redondas, conferencias e workshops nos que será posible facer intercambios de ideas, e conferencias de carácter teórico onde se exporán avances e produtos novidosos”, xunto con dúas sesións de ‘speed recruiting’, “sesións de recrutamento rápido que tanto éxito tiveron na pasada edición”.

“Un terzo do alumnado participante atopa traballo grazas ao foro”

Segundo as enquisas realizadas a participantes doutras edicións, Candela Janeiro afirma que “un terzo do alumnado que participa no foro atopa traballo e un 40% recoñece ter orientado os seus estudos grazas ás recomendacións das empresas”. Estas porcentaxes residen no “traballo en equipo, no esforzo, na ilusión e nas ganas de seguir mellorando ano a ano”, conclúe Janeiro.