DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Xosé Manuel Buxán comisaría na Coruña a exposición ‘De par en par'

Fotografías atopadas para reivindicar o amor igualitario

A mostra reúne retratos de parellas de homes ou mulleres de diferentes partes do mundo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 19/06/2019

Foi a historia de Elisa e Marcela, dúas mulleres que casaron en 1901 e que foi recentemente levada ao cine por Isabel Coixet a que serviu como fonte de inspiración ao profesor da Facultade de Belas Artes Xosé Manuel Buxán para dar forma a De par en par. Amores entre iguais. Fotografía atopada 1880-1947, a exposición que ata setembro pode contemplarse na Fundación Luis Seoane e na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña. Unha exposición na que presenta 60 “fotografías atopadas”, pertencentes á súa colección persoal, todas elas retratos de dúas persoas do mesmo sexo. “Descoñecemos por completo os vínculos que as unían”, salienta o comisario, que constrúe con esta serie de retratos procedentes de diferentes países unha exposición nas que eses vínculos descoñecidos “se reivindican desde unha ollada queer como expresión dos afectos entre iguais e do amor igualitario”.

Promovida polo Concello da Coruña, a exposición está integrada por 60 retratos de parellas de homes, mulleres ou persoas travestidas, “que proceden de moitas partes do mundo e que fun reunindo durante moitos anos”, explica Buxán. Trátase tamén de fotografías en branco e negro realizadas todas elas en estudios fotográficos, “nunha contorna moito máis artificial”, en interiores completados por mobiliario ou un pano de fondo, o que contribúe a que “o interese se concentre nos modelos, que posan dun xeito moito máis formal” que nunha fotografía doméstica. “O interesante é saber por que posan xuntos eses dous individuos e por que desexan aparecer representados dese xeito perante a ollada exterior”, reflexiona Buxán no texto de presentación desta exposición, na que a partires dese “afecto mutuo que perpetúan eses posados” articula un relato co que á súa vez propón unha homenaxe ás “pioneiras do matrimonio igualitario nos albores do século XX”, Elisa e Marcela. 

“A exposición é tamén un repaso á historia da fotografía”, engade Buxán Bran respecto dunha exposición que presenta imaxes procedentes tanto de Europa do Leste como de América Latina e que é tamén unha mostra das diferentes técnicas fotográficas empregadas entre finais do século XIX e a primeira metade do XX. Ata o 30 de setembro poderán contemplarse nas dúas sedes desta exposición, as imaxes que integran unha mostra para a que Buxán optou de novo por “espazos de tránsito, non necesariamente expositivos”, de  tal xeito que as imaxes se atopan espalladas tanto por “corredores e escaleiras”, como polas diferentes estancias da Casa Museo Casares Quiroga.  

Tres facetas, unha liña de traballo

A mostra que desde maio pode verse na Coruña completarase coa edición dun catálogo que reunirá as 60 fotografías expostas xunto a outros 30 retratos máis pertencentes á colección persoal do seu comisario, catálogo que se converterá na terceira publicación na que este artista e docente afonda nesta liña de traballo centrada na fotografía atopada. Previamente viron a luz o fotolibro Bellos y desconocidos (Laertes, 2015), integrado por representacións de primeiros planos de homes, tralo que en 2017 chegou a exposición e o catálogo de Bañistas, que Buxán presentou no Centro Galego de Arte Contemporánea e no que presentaba unha serie de retratos anónimos de homes en traxes de baño realizados en exteriores por afeccionados.

Tres proxectos que teñen como punto de partida a “maxia” desas fotografías “anónimas, familiares, feitas en moitos casos por afeccionados”; fotografías que no seu día formaron parte de álbums familiares e que remataron en mercadiños ou á venda por internet. Fotografías coas que Buxán, recoñece, atopou unha liña de traballo “que reunía moito de min, na que se mesturan diferentes roles”, como o de comisario que “organiza un fío narrativo” a partires dunha serie de obras, pero tamén o de coleccionista que “redescubre” un determinado material, así como o rol de “artista apropiacionista” que fai uso das fotografías para construír “un corpus artístico” no que a temática segue xirando, explica, “en torno aos meus mesmos intereses e investigacións, que son no campo dos estudos queer”.