DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Teatro Principal acolle desde ata o venres un foro que abriu a socióloga Saskia Sassen

As fronteiras estatais, económicas e sociais centran a XXXVI Semana Galega de Filosofía

Organizada pola Aula Castelao, coa colaboración de Vicerreitoría e Concello

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Democracia
  • Divulgación
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 22/04/2019

Promover unha reflexión sobre o que as fronteiras supoñen para a definición da persoa, sobre as fronteiras como feito socioeconómico, sobre a súa relación cos estados nación e abordar así mesmo o fenómeno migratorio constitúen os catro eixos sobre os que se articula o debate da XXXVI Semana Galega de Filosofía, que este luns celebrou a súa xornada inaugural no Teatro Principal. Organizado pola Aula Castelao de Filosofía, coa colaboración da Vicerreitoría do campus e do Concello, este foro, integrado por 15 conferencias baixo o título de Filosofía e fronteira, abriuse cunha conferencia da socióloga e Premio Príncipe de Asturias Saskia Sassen, quen alertou na súa intervención da “extrema situación” que atravesan os inmigrantes nos Estados Unidos durante o goberno de Donald Trump.

Os eixos temáticos desta edición foron presentados pola presidenta da Aula Castelao, Ana Regueira, no acto de apertura desta semana, no que o vicerreitor do campus, Jorge Soto, salientou a importancia que este foro de debate supón á hora de “repensar dalgunha forma moitas das cuestións que hoxe en día nos están a preocupar nun mundo absolutamente globalizado”. Nun acto que contou coas intervencións do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o deputado delegado da área de Cultura da Deputación Provincial, Xosé Leal, e da representante do Colexio de Avogados de Pontevedra Gema Rial, Soto puxo tamén o acento na importancia que ten para a Universidade abordar o concepto de fronteira, “pero vista non só desde o ámbito máis exterior e político, senón tamén do coñecemento, de fronteira interior”, para o que “a filosofía é un vehículo estupendo”, motivo polo que subliñou que a institución académica “seguirá durante moitos anos traballando por e para este evento”. Fernández Lores, pola súa banda, puxo o acento na importancia de promover unha “reflexión profunda e serea” tanto sobre“as fronteiras económicas e simbólicas”, como sobre aquelas “que determina o poder polas armas e polos mercados”, mentres que Leal animou a abordar con “espírito crítico” o “mal uso que se dá ao termo fronteira, un uso non integrador”.

Tres bloques, 15 conferencias

Reflexionar respecto de “se pode existir alteridade sen fronteiras”, abordar como as fronteiras “teñen mala prensa cando se fala da circulación do capital, pero non cando impiden a circulación das persoas”, reflexionar sobre “en que presupostos se fundamentan as concepcións da soberanía dos estados nación occidentais”, tendo en conta que “para que haxa migración é preciso que haxa fronteiras e estranxeiros”, son algúns dos debates a abordar ao longo desta semana, como lembrou Regueira neste acto inaugural. Debates que se articulan en tres bloques, Pensar a fronteira, A fronteira na Galiza e Retos e trampas na fronteira, integrados cada un deles por cinco relatorios e complementados á súa vez. con actividades como a presentación dun libro do profesor da Universidade de Coimbra Boaventura de Sousa, que terá lugar este mércores 24, ás 19.00 horas, na sede da Vicerreitoria do campus.

Boaventura de Sousa será tamén un das e os 15 conferenciantes desta Semana Galega de Filosofía, na que participarán tamén o profesor da Universidad Autónoma de Puebla John Holloway, o psiquiatra e profesor da Universitat de Barcelona Joseba Achotegui, o profesor senegalés emigrado a Galicia Cheik Faye, o catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Luis Barreiro ou a antropóloga da Universidade Nova de Lisboa Paula Godinho, e que, na tarde do venres, clausurarase coa intervención do representante da Fronte Polisaria en Alxeria e ex-primeiro ministro da República Árabe Saharauí Democrática Buchraya Hamudi Bayun. 

As “formacións depredadoras” e as migracións

Recoñecida en 2013 co Premio Príncipe de  Asturias de Ciencias Sociais, a catedrática da Universidade de Columbia Saskia Sassen foi a responsable da conferencia de apertura desta Semana Galega de Filosofía, na que puxo en relacións os fenómenos migratorios coas cidades e na que se detivo tamén na situación que están a atravesar as persoas que, na fronteira con México, intentan acceder aos Estados Unidos. “É escandaloso o que está pasando”, denunciou Sassen, quen denunciou como baixo a administración de Trump o trato aos inmigrantes neste país está a adquirir unha “brutalidade extraordinaria”, con casos como “centos de nenos que foron separados dos seus pais”, o que definiu como unha “monstrosidade”.

As cidades, a inmigración e os estados, no contexto da economía mundial, constitúen os eixos do labor investigador dunha socióloga orixinaria de Holanda e que no seu día accedeu tamén aos Estados Unidos como unha “inmigrante ilegal”, que nesta conferencia de apertura puxo en relación a idea das migracións cunha “das formacións depredadoras máis poderosas e complexas, o sector financeiro especulativo”. Nunha conferencia titulada Formacións depredadoras vestidas con traxes de Wall Street e matemática algorítmica, Sassen, cuxos libros foron traducidos a máis de 20 idiomas, alertou de figuras cuxa complexidade “tende a camuflar o seu carácter depredador”, poñendo o foco concretamente no sistema financeiro, e en como “ata os instrumentos financeiros máis sofisticados requiren certos pasos elementais e brutais”.