DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A quinta edición deste congreso internacional limitarase á publicación do seu libro de actas 

‘Fugas e Interferencias’ desbota a súa celebración presencial e centrarase na difusión de estudos sobre performance

O prazo de presentación de traballos permanece aberto ata o 30 de xuño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Internacional
  • Publicacións
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 21/05/2020

Nacido hai cinco anos co propósito de promover unha reflexión teórica ao redor dunha disciplina artística escasamente abordada desde o punto de vista académico como é a performance, a situación xerada pola COVID-19 impide que neste 2020 o congreso internacional de arte de acción Fugas e Interferencias celebre o vindeiro outono a súa quinta edición do xeito habitual. Ante a incerteza xerada pola crise sanitaria, a organización decidiu desbotar a celebración, presencial ou virtual, do único evento académico centrado nesta disciplina que se desenvolve en España, e que cada ano tiña como sedes á Vicerreitoría do campus e ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Non obstante, isto non implica a suspensión da V International Performance Art Conference Fugas e Interferencias, que, mantendo ese obxectivo de fomentar o estudo académico da arte de acción, centrarase neste 2020 na elaboración e publicación dun libro de actas que recolla unha serie de artigos sobre performance, seleccionados polo seu comité científico de entre os traballos que nas próximas semanas lles fagan chegar os investigadores e investigadoras.

Ata o 30 de xuño permanece aberto o prazo de presentación de traballos para este congreso organizado pola Universidade de Vigo coa colaboración do CGAC, que dirixen o artista e profesor da Facultade de Belas Artes Carlos Tejo e a investigadora e crítica de arte Marta Pol. “Antes de anular esta edición, pensamos que esta podería ser unha boa solución”, salienta Pol respecto da decisión de centrarse na publicación dunha nova edición do libro no que cada ano recollen os traballos defendidos no marco do congreso. Deste xeito, “aseguramos que a masa crítica que estivemos creando ao longo destes anos non se vai perder”, engade Tejo, que incide na importancia de que “non exista un oco na historia dun congreso que chegou a súa quinta edición colleitando un éxito notable”.

O comisariado súmase ás liñas de análise

A través da web de Fugas e Interferencias e do correo electrónico articulos.fugaseinterferencias@gmail.com, os investigadores e investigadoras poden enviar ata o 30 de xuño os resumos das súas investigación, tendo os seleccionados e seleccionadas de prazo ata o 7 de setembro para remitir o artigo completo. As investigacións articularanse en torno a catro liñas de análise; tres delas, as que centran o debate académico do congreso desde a súa primeira edición. Trátase da reflexión teórica sobre a arte de acción, o estudo do seu “carácter híbrido” e as súas relacións con outras disciplinas como a videoarte ou a danza, e as súas “interseccións co “contexto político”, dentro do que se engloba a abordaxe da performance desde a perspectiva de xénero e o feminismo. 

A estas súmase unha cuarta liña, centrada no comisariado, tratando de dar resposta “á necesidade de explorar un aspecto da arte de acción que demasiadas veces queda mergullado na propia práctica” e que “require de investigación e conceptualización”, como defende Pol. Trátase, como engade Tejo, dunha actividade “relativamente recente”, que “desenvolve un labor de investigación importante” e que foi levada a cabo “con moita frecuencia” polos propios artistas, dando lugar a “encontros ou festivais cun carácter máis informal” que os implicarían outro tipo de comisariados artísticos. Non obstante, Tejo tamén pon o acento en que nos últimos anos a performance “está mudando a súa relación co museo e a galería” e facéndose “máis visible”, cambios que teñen que traer consigo, ao seu xuízo, “un novo comisariado, xa non tanto en mans dos artistas senón dirixido por outros axentes da arte”. De aí que recalque a importancia para esta disciplina de “dar a coñecer estas novas experiencias e debatelas nun congreso”, 

Cinco anos de traxectoria

Investigadores e investigadoras de diferentes países europeos e americanos participaron nestes anos, coas súas conferencias e comunicacións, nun congreso que, como sinala Tejo, esta “contribuíndo a consolidar a práctica da performance mediante un traballo que esperamos percíbase como rigoroso e reflexivo”, dado que se trata dunha disciplina que precisa “dunha base estable sobre a que poida crecer con garantías”. Neste senso, tanto Tejo como Pol poñen o acento na calidade das comunicacións defendidas nun foro académico que desde 2018 ten carácter internacional e no que se fomentou tamén a “hibridación entre a teoría e a práctica”, incluíndo na súa programación unha serie de performances ao vivo, a cargo tanto de artistas “cunha traxectoria consolidada” como de novos creadores e creadoras formados na Facultade de Belas Artes.